Esta xornada consistirá nunha conferencia a cargo do doutor Miquel Aguilar Barberá, neurólogo de Áptima Hospital Universitari Mutua de Terrasa, sobre “Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove”. A continuación, realizarase unha mesa redonda sobre a saúde mental na Mariña coa participación de Mª José Novoa, directora técnica xeral e xerente da Asociación Saúde Mental “A Mariña”, Noelia Eijo, directora da Fundación Eu Son, Gema Fernández, psicóloga de AFAN Burela, e o doutor Aguilar Barberá, moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña, o doutor Secundino Cigarrón.
O rexedor explicou que esta conferencia está dirixida “a promocionar e ver as vantaxes claras que ten o peixe sobre a saúde mental, un tema que agora preocupa moito, polo que é unha boa oportunidade de ver como as distintas especies de peixe poden producir un beneficio claro neste sentido”.
Segundo subliñou Llano, “a intención e vocación da Fundación Expomar é a axuda ao sector náutico-pesqueiro en todas as cuestións que sean de interese, pero tamén se queren ampliar os obxectivos e abrir todas as súas posibilidades de actuación ao público xeral”. Destacou así mesmo a presenza na conferencia de mañá do neurólogo Miquel Aguilar Barberá, “un referente en Cataluña e en todo o Estado, que tamén formará parte da mesa redonda posterior coa participación de asociacións vencelladas á saúde mental da Mariña”.
O alcalde convidou a todos os bureleses e mariñaos a asistir a estas xornadas “coas que estamos moi ilusionados porque pensamos que é unha promoción extraordinaria do que fan os nosos pescadores, da forma exemplar en que se pesca, e dende logo sitúa ao peixe como un alimento natural, sen ningún tipo de intervencións e soporte fundamental dunha boa saúde en xeral, e concretamente da saúde mental”.
Xornadas
A Fundación Expomar promove entre o 28 de abril e o 12 de maio diferentes actividades, ademais da conferencia, como diversas degustacións de peixe nos locais da Fundación Eu Son en Burela e na residencia da Asociación de Saúde Mental A Mariña en Cervo.
O xoves 28 de abril abriranse as xornadas ás 13:15 horas na Unidade Residencial da Asociación de Saúde Mental en Cervo, facendo degustacións gastronómicas de merluza de Burela neste espazo e no Centro de día da Fundación Eu Son da localidade.
O xoves 5 de maio repetiranse nos mesmos lugares e á mesma hora (13:30h), una degustación de Bonito do Norte, e o xoves 12 de maio, clausuraranse as xornadas no Centro de día da Fundación Eu son de Burela e farase una degustación de polbo da Mariña.