Ribadeo, 1 de abril de 2022. O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, considera inxustas e infundadas as críticas realizadas polo Ribadeo FC sobre o actual estado do campo de adestramento da Devesa, onde está previsto que se acometan obras de mellora en datas próximas. Díaz Freije subliña que desde a Área de Deportes segue coa man tendida e disposta a colaborar e axudar na medida das súas posibilidades e lembra que o campo da Devesa é para adestrar e que o Pepe Barrera está para competir.
O edil ribadense declarou que “no Concello de Ribadeo estamos un pouco sorprendidos e abraiados por unha actitude que vemos xa desde hai datas por parte da directiva do Ribadeo FC cara ao Concello de Ribadeo. Non o entendemos tendo en conta que é a entidade deportiva que máis achega económica percibe do Concello de Ribadeo, e á segunda que máis recibe correspóndelle o 50 por cento desa cantidade; é dicir estamos a falar dunha contía económica moi importante coa que lle axuda o Concello, que para iso está, pero iso é un valor a ter en conta”.
Jorge Díaz dixo: “critican que non colaboramos coas instalacións, pero hai que ter en conta que son compartidas con outra entidade deportiva, como é a SD Ribadeo, coa que tampouco temos ningún problema. É o mesmo que sucede con outras entidades deportivas que comparten pavillóns e non hai ningún tipo de problema con iso”.
O concelleiro de Deportes lembrou que “para o fútbol nestes últimos anos fixéronse investimentos moi importantes, como no campo Pepe Barrera, ao que se destinaron máis de 400.000 euros entre o Concello e a Deputación e cunha miguiña que aportou a Xunta. Polo tanto estamos abraiados, desde logo, con esta actitude cara ao Concello por parte da directiva do Ribadeo FC”.
Díaz Freije subliñou que “desde o Concello tratamos a todo o mundo igual porque independentemente do ano que no se constituíra cada sociedade todas teñen os mesmos dereitos e deberes. E imos seguir apoiando ás entidades como sempre vimos facendo, sen ningún tipo de agravio nin de acritude. Tendemos a man, dentro do que podemos, co que temos a disposición: coas nosas instalacións”.
E engadiu que “para os adestramentos temos outras instalacións, que están a disposición tanto do Ribadeo FC como da SD Ribadeo, porque son compartidas xa que este Concello ten as súas limitacións, como todos os concellos, e a súa dinámica. E concretamente no campo da Devesa temos previsto facer un arranxo importante en pouco tempo”.