Ler case 3000 páxinas de informe non está entre as costumes dos políticos. Cando hai un informe importante e voluminoso, reciben un resume máis ‘á súa medida’. Coido que isto é comprensible, pois os políticos-decisores que nos gobernan (aquí, na China, no Congo ou en calquera outro lugar) teñen que decidir sobre cousas moi variadas, descargando o que queren en asesores diversos que -suponse- lerán os informes completos -a suposición non é broma-.
Cando se trata de informes internacionais, os expertos que os realizan tamén proveñen de todo o globo terráqueo (dalgúns lugares, máis, doutros, menos), pero canta máis xente intervén e máis voluminoso é o informe, máis trabas para facer o resume. Sobre todo porque eses resumes non son tan técnicos (outra vez a capacidade limitada dos políticos de ‘saber de todo’ e interpretalos). É dicir, os resumes son traducidos de ‘lingua científica’ a ‘lingua política’ ó tempo que se suprime máis do 90 % do contido, incluídas as bases (científicas) do conxunto.
E aquí entra o que poderíamos chamar ‘a picaresca’. Picaresca significa poñer en práctica artimañas por espabilados, a favor de determinados intereses, de xeito tramposo, desvergonzado. Ou sexa, póñense en marcha os ‘lobbies’, os influenciadores da industria a quitar e poñer palabras. E con elas, ideas. E o documento, que xa deixa de ser un documento científico, espállase entre xente que non ten nin ganas nin tempo nin coñecemento para ir moito máis aló. E chega o ‘informe’ e está descafeinado.
No informe último do IPCC, o Panel Internacional do Cambio Climático, parece que pasou o que indica o manual Máis aínda cando se filtrou -científicos disconformes con eses trapicheos- un borrador do resume, e entón puidose comparar o resultado final.
Entre outras cousas, desapareceu o lembrar que a participación democrática é unha ferramenta social que pode permitir un paso máis rápido e suave a través dunha transición na que levamos atraso. Onde hai menos democracia hai máis posibilidades de manexo de quen ten acceso ó poder. E polo tanto, dos grupos con moitos cartos que queren ter máis. Hai tempo que lle concederon o Premio Nobel a Amartya Sen por amosar cousas como a relación entre a participación cidadá e o aproveitamento económico real, pero esa participación vai contra dos intereses dunha minoría, e trata de frearse, diminuírse, facer que desapareza. No caso das democracias, convertíndoas nunha casca baleira.
Tampouco aparece na última versión algo claro, evidente no informe completo: a urxencia de cambios drásticos a tódolos niveis, non só individual. E é que pasaron xa os tempos de poder usar cambios paulatinos ou usar os cambios voluntarios e individuais. Estamos todos no mesmo barco, e se afunde por un choque contra un iceberg, non chega con que poña eu o tapón do baño para que non entre auga por alí.
Desaparecen tamén as alusións a que faltan materiais para facer a transición. E desaparece tamén iso que se concibe contra o capitalismo -ó fin, o sistema que nos levou a este punto- do decrecemento.