Lugo, 29 de abril de 2022. Os obradoiros do programa IlustrarNÓS da Vicepresieencia da Deputación de Lugo chegaron esta semana a Barreiros, Foz, A Pontenova, A Pastoriza e Cervantes.
Alumnado de primaria do CEIP San Cosme de Barreiros, do CEIP Fondo Nois de Foz, do CEIP O Salvador da Pastoriza, do CEIP da Pontenova e do CPI de Cervantes participaron en talleres orientados a fomentar a creatividade e poñer en valor o traballo artístico, dirixidos pola ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Álvarez.
Nos obradoiros, que misturaron debuxo directo e música tradicional, as nenas e nenos puideron coñecer de preto algúns instrumentos tradicionais – o seu nome, as diferencias entre eles, os materiais, o son que emiten ou a súa historia – e vincular os seus sons ás cores, establecendo un paralelismo entre os sons máis vivos e agudos e as cores cálidas e os sons máis graves, profundos e calmados.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “grazas á colaboración e o interese dos centros educativos, estamos a consolidar unha iniciativa coa que pretendemos dar visibilidade ao traballo de profesionais que se dedican á creación e ofrecer recursos para que as xeracións máis novas se acheguen á linguaxe visual, tan influínte e presente na sociedade actual”
O programa IlustrarNÓS, que a Vicepresidencia organiza por segundo ano consecutivo, artéllase arredor da celebración do Día da Ilustración en Galiza, que se celebra o 31 de xaneiro e que cada ano homenaxea un ilustrador ou ilustradora, neste 2022, ao debuxante e pioineiro da banda deseñada Reimundo Patiño.
A iniciativa impulsada desde a área de Cultura ofrece aos centros educativos a participación en diferentes actividades: obradoiros, encontros con profesionais da ilustración e un certame escolar, aberto a todas etapas educativas.
As vindeiras citas serán o 6 de maio, cunha conferencia e coloquio na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, a cargo de Alberto Guitián da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e o 13 de maio, con cadanseu obradoiro de Kiko da Silva no IES Pedregal de Irimia de Meira e CPI Dr López Suárez de Friol.