Esta foi a postura que defendeu hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ante a directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertización do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, María Jesús Rodríguez, que convocou a unha reunión por videoconferencia aos representantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León para falar sobre a xestión das axudas do lobo e emprazalos a remitir as súas propostas ao respecto antes do vindeiro 21 de abril.
En nome da Xunta, Do Campo xustificou o seu rexeitamento á proposta estatal subliñando que estas catro comunidades concentran o 95% dos exemplares de lobo ibérico de todo o país. Por iso, incidiu en que “carece de sentido” que o Goberno central propoña un reparto dos fondos destinados a previr posibles ataques no sector agrogandeiro sen ter en conta todo o peso da presencia real destes animais nos distintos puntos do país.
Pola contra e aínda que a Xunta —ao igual que os gobernos de Asturias, Cantabria e Castela e León— se comprometeu a trasladar por escrito a súa proposta con relación aos criterios de reparto, Belén do Campo adiantou que o número de mandas de lobos existentes en cada territorio debe ser “un factor fundamental” á hora de asignar o diñeiro prometido para as axudas de prevención así como os datos reais de danos comprobados.
Así mesmo e no caso dos fondos destinados a paliar o impacto que ocasionen estes animais nas explotacións gandeiras, a responsable galega considerou necesario neste caso valorar o número de cabezas de gando en extensivo e semiextensivo de cada rexión; pero lamentou que na proposta trasladada polo Goberno central unicamente se teñan en conta os exemplares de vacún, obviando os posibles ataques que se poidan rexistrar a ovellas, cabalos e outras especies gandeiras.
Por último, os representantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León coincidiron en pedirlle á directora xeral de Biodiversidade que axilice os trámites e prazos necesarios para que as comunidades poidan dispoñer dos fondos comprometidos xa que, en caso contrario, se corre o risco de que non se poidan executar.
7 meses de espera
Neste sentido, cómpre lembrar que a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, anunciou hai xa case 7 meses —en concreto, o pasado 25 de setembro— unha partida de 20 millóns de euros para axudar a compatibilizar a presencia no territorio da gandaría cun dos seus principais depredadores, o lobo.
Este anuncio, sen embargo, non se plasmou ata o de agora nun plan concreto para levar a cabo o reparto destes fondos entre as distintas comunidades, polo que os catro representantes autonómicos confirmaron que achegarán as súas propostas alternativas ás do Goberno central antes do 21 de abril.