A fachada marítima do Concello de Viveiro, entre a ponte da Misericordia e o edificio do Conservatorio, sufriu ao longo dos anos numerosas intervencións, entre as que se inclúe o muro de sostemento principal de todo o paseo e o recheo posterior, que foi realizado hai aproximadamente 90 anos.
Nos últimos anos, tanto por parte do Concello como por parte de Costas se viu observando a existencia de deficiencias estruturais ao longo da fachada marítima, consistentes basicamente no basculamento cara o mar, da parte alta do muro de sostemento da fachada marítima, unido a un asentamento do borde exterior da lousa do paseo marítimo.
Estas deficiencias orixinaron unha serie de irregularidades na pavimentación, que motivaron o balado da zona co fin de impedir o acceso aos viandantes.
“Mediante as obras levadas a cabo, cun importe segundo proxecto de 115.611 euros, procedeuse á reparación de 90 metros da fachada marítima de Viveiro, incluíndo a consolidación do terreo, a execución da lousa e o reforzo da balaustrada”, asegura a alcaldesa, María Loureiro, que supervisou a zona xunto ao tenente de alcalde, Jesús Fernández.
En virtude do convenio referido, a achega da Deputación de Lugo ascende a 100.000 euros, mentres que o Concello de Viveiro achega pola súa banda 15.611 euros.