Burela, 8 de abril, 2022. A Fundación Expomar organiza entre o 28 de abril e o 12 de maio as xornadas de nutrición e saúde mental “Mens Sana in Corpore Sano”, que consistirán en diferentes actividades, como unha charla informativa sobre nutrición, unha mesa redonda sobre a saúde mental na Mariña Lucense e diversas degustacións de peixe nos locais da Fundación Eu Son en Burela e na residencia da Asociación de Saúde Mental A Mariña en Cervo.
O xoves 28 de abril pola tarde terá lugar na Casa da Cultura de Burela a conferencia “Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove” a cargo do neurólogo Miquel Aguilar Barberá.
A partir das 18:30h terá lugar o inicio da xornada, coa participación da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, e do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano.
O acceso será libre e desde a Fundación Expomar anímase a tódolos veciños da Mariña que asistan a unhas xornadas nas que se tratarán temas moi importantes para axudarnos a levar unha vida saudable.
A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre “A Saúde Mental na Mariña”, que estará moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña Secundino Cigarrán, e na que participarán representantes das principais asociacións da contorna, como a Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas de Burela.
Paralelamente a este acto, ao longo de tres xornadas diferentes a Fundación Expomar promocionará o consumo de peixe con degustacións de merluza do pincho de Burela, bonito do norte e polbo da Mariña, achegando o sabor mariñeiro aos usuarios do centro de día da Fundación Eu Son en Burela e da unidade residencial da Asociación de Saúde Mental A Mariña en Cervo.
O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, destaca que “con esta actividade pretendemos promocionar o sector pesqueiro a través do consumo de peixe, e de paso fomentar unha alimentación máis saudable e poñer en valor o traballo das distintas asociacións que traballan no mundo da saúde mental aquí na Mariña”.
As Xornadas de Nutrición & Saúde Mental “Mens Sana in Corpore Sano” están promovidas pola Fundación EXPOMAR e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal, contando tamén coa colaboración do Concello de Burela e das asociacións Saúde Mental A Mariña, AFAN Burela e Fundación Eu Son.
A saúde mental é un dos piares máis importantes para levar unha vida saudable. A alimentación do día a día é fundamental para manter en plenas condicións a nosa saúde física, pero tamén a nosa saúde mental.
O peixe ben podería chamarse o “alimento para o cerebro”, xa que o seu consumo achega na nosa dieta grandes nutrientes necesarios para o noso desenvolvemento cognitivo e o benestar do cerebro.
Segundo diferentes estudos, comer peixe con regularidade podería reducir un 17% o risco de padecer depresión e recorta en máis dun 30% as posibilidades de padecer desordes neuropsiquiátricos.
Por iso comer peixe de forma habitual e moderada, con tres racións á semana, é fundamental para coidar da nosa saúde mental. E se ao consumo frecuente de peixe lle engadimos algo de deporte, estaremos moi ben preparados para plantarlle cara á depresión e outros trastornos mentais.