Lourenzá, 24 de abril de 2022. Emma Álvarez Chao deixa a presidencia do PP de Lourenzá. A popular manifestou a súa vontade de “dar un paso atrás” durante unha reunión mantida no día de onte coa presidenta provincial, Elena Candia, e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro.
Con esta decisión, adoptada conxuntamente coa dirección da formación, preténdese reforzar a estrutura do Partido neste municipio e “traballar nunha estratexia que permita a gobernabilidade do PP neste concello en 2023”, explica Candia.
“Damos así, continúa, un paso máis para poñer fin á parálise na que se atopa este municipio dende que o Partido Socialista está no goberno”. Tal é así que, nas vindeiras semanas, a dirección provincial dará conta de quen dirixirá esta agrupación.
Elena Candia pon en valor “a xenerosidade” da que fora presidenta do PP neste municipio nos últimos anos. “E é que non podemos esquecer, lembra, que foi alcaldesa e tamén representou á provincia no Parlamento de Galicia; dúas institucións na que fixo un bo traballo”.
Pola súa banda, Álvarez Chao agradeceu á presidenta provincial o apoio recibido, indicando que “dou un paso atrás pero seguirei axudando ao PP e a quen me suceda no cargo”.
Traxectoria
Nas municipais de 2007 foi candidata do PP ao Concello de Lourenzá, resultando elixida concelleira de Medio Ambiente e de Medio Rural. Nas eleccións autonómicas de 2009 foi deputada do Parlamento galego, substituíndo a Raquel Arias. Nesta cámara foi voceira de Montes e, logo da dimisión de Vidal Martínez-Sierra, en setembro, de 2012, foi elixida alcaldesa de Lourenzá; cargo que ocupou ata 2015.