Máxima preocupación en Francia, moita maís que nas eleccións de hai vinte anos, cando a primeira rolda dos comicios supuxo unha sorpresa para moitos analistas políticos, que agardaban unha segunda volta entre Jacques Chirac e Lionel Jospin. Porén, outros observadores xa apuntaran a posibilidade de que o socialista Jospin quedase apeado da segunda volta, dada a igualdade entre os principais candidatos e o alto grao de indecisos. A pobre imaxe que proxectou na súa campaña, xunto á dispersión do voto na esquerda cun gran número de candidatos, fixo posible que Jean-Marie Le Pen fora quen de enfrontarse a Chirac na segunda volta. O proceso electoral recibiu daquela o cuestionamento xeral polo sistema de dobre volta e tamén levantou moita preocupación debido á apatía e ao xeito no que a esquerda experimentou unha fragmentación antes descoñecida.
Nesta ocasión, a división da dereita radical populista non impediu a Marine Le Pen pasar á segunda volta das eleccións presidenciais para rivalizar co actual presidente Enmanuelle Macron o vindeiro domingo 24 de abril. Como afirma o profesor Fermín Galindo, “asistimos a un enfrontamento entre a Patria (Le Pen) e a República (Macron)”. Con este escenario, a comezos do presente mes contemplamos a rotunda vitoria do primeiro ministro de Hungría -o ultraconservador Orbán- nas eleccións parlamentarias por cuarta vez consecutiva, a pesar da unión de practicamente toda a oposición no país maxiar. E lembremos que a comezos deste ano tamén houbo eleccións xerais en Portugal e a porcentaxe de voto que recibiu extrema dereita, encarnada no partido Chega, multiplicouse por cinco, superando o 7%. Ata ese momento, Portugal era un dos principais países europeos nos que a ultradereita aínda non tiña unha presenza significativa no Parlamento.
Reino Unido e Irlanda son agora os únicos dous países dos grandes de Europa onde a extrema dereita é inexistente ou non ten representación parlamentaria. Outros máis pequenos -como Luxemburgo e Islandia- viven unha situación semellante. En Reino Unido, a extrema dereita non ten presenza na Cámara dos Comúns, en parte polo sistema electoral de maioría simple que favorece o dominio dos grandes partidos (laboristas e conservadores), aínda que tamén estean representadas forzas políticas de menor entidade, como os liberaldemócratas e varios grupos nacionalistas.
Pola súa banda, Polonia convértese no segundo país do continente que concentra máis voto ultra (50%), que se divide entre o gobernante PiS (43%) e a suma de varias formacións radicais (7%). Séguenlle outros catro países que se moven entre o 20% e o 30%: Bélxica, Suíza, Eslovaquia e Italia. España, coa representación de Vox (15%), sitúase no posto número once de todos os países analizados.
Aínda que estas formacións difiren moito unhas doutras, por exemplo Vox e o partido independentista belga Interese Flamenco, si comparten unhas características similares que sitúan a todos eles na familia política da dereita radical populista. Destacados politólogos coinciden na súa análise sociolóxica, identificando tres grandes elementos comúns no ideario destas forzas: nativismo, autoritarismo e populismo.
Nativismo definido como ideoloxía que sostén que os Estados teñen que estar habitados exclusivamente por membros do grupo nativo e que elementos non nativos -tanto persoas como ideas- supoñen unha ameaza externa. Esta concepción inclúe unha combinación de nacionalismo e xenofobia.
Autoritarismo como a crenza nunha sociedade rigorosamente ordenada no que as violacións á autoridade reciben un castigo severo. E onde priman a tradición e os principios de lei, orde e moralismo convencional, pero esta visión non implica necesariamente unha actitude antidemocrática.
E populismo entendido como ideoloxía que considera que a sociedade se divide en dous grupos homoxéneos e antagónicos: ‘o pobo puro’ fronte á ‘elite corrupta’, partindo da base que a política debe ser unha expresión da vontade xeral do pobo. Na democracia populista, nada é máis importante que a esta vontade xeral, nin sequera os dereitos humanos ou as garantías constitucionais.
Permañezamos atentos á segunda volta do vindeiro domingo na Galia, onde comprobaremos cara onde se inclinan realmente os votos populistas da esquerda representada pola ´Francia insumisa´ de Jean-Luc Mélenchon, pois compre lembrar que na primeira volta a ultradereita de Le Pen quedou soamente a 5 puntos do partido de Macron. Cómpre non esquecer que nos clásicos cinturóns vermellos das grandes urbes industriais o protagonismo político xa non recae en mans das tradicionais forzas socialistas e comunistas, senón que estamos a observar un preocupante cambio de tendencia, converténdose en zonas que serven de campo de abono ao movemento de ultradereita.