Ribadeo, 6 de abril 2022. Daniel Vega subliña que “saíu adiante cos votos do Grupo Municipal Popular de Ribadeo a nosa iniciativa para instar ao Goberno central a que permita contratar todos os médicos que son necesarios”. É dicir, que permita a ampliación do número de prazas MIR para formar a máis médicos, o que supón aumentar o número de facultativos dispoñibles para a Atención Primaria.
Trátase dunha reivindicación non só de Galicia; senón tamén do resto das comunidades autónomas que lle esixen ao Goberno desbloquear esta situación. E, dende o Grupo Municipal Popular de Ribadeo quixemos que a “corporación municipal traballase de forma conxunta; pero o BNG e o PSOE abstivéronse. Parece que este tema non vai con eles”, sinala o voceiro popular.
O Grupo Municipal Popular tamén levou ao pleno deste martes outros temas que preocupan aos populares. “Un deles é a herdanza do doutor Moreda”, dixo Vega. A este respecto, considera que “necesitamos dar pasos moi importantes de cara á reforma integral do hospital asilo”. Polo tanto, “é hora de ir concretando a cifra económica da herdanza porque xa hai unha parte que o Concello pode dispoñer dela e, polo tanto, esiximos ao goberno local do BNG que explique a parte da herdanza que xa está dispoñible. Tamén queremos saber que parte pretende aportar o goberno local. A Xunta xa manifestou o seu apoio a aportar orzamento para acometer esta obra”.
Por outra banda, “as empresas estanlle esixindo ao goberno local do BNG que pague en tempo e forma as facturas. Algunhas delas están valorando a posibilidade de deixar de prestar servizos ao Concello”. Vega defende que “se paguen as facturas coma noutros Concellos ou como fai a Xunta, en menos de 30 días. Este goberno tamén o pode facer. O que non pode ocorrer é que este goberno do BNG sexa o que máis tarde pague da Mariña”.
O Grupo Municipal Popular tamén quixo esixirlle á Deputación de Lugo que arranxe “dunha vez por todas” as estradas da súa competencia “sen esperar ás eleccións; senón ir concretando orzamento paulatinamente para ir mellorando todos os anos as vías das que é titular”. Vega pon como exemplo a que pasa ao lado do colexio público e do campo Pepe Barrera e as carreteras de Santalla ou Arante.
Vega sinala tamén “a dobre vara de medir” do goberno do BNG porque “lles esixe aos titulares privados limpar as súas fincas, pero as de titularidade municipal permanecen abandonadas. Parece normal que as de propiedade municipal tamén estean limpas. Para esixir, hai que dar exemplo. Así o manifestamos no pleno municipal”.
Os populares tamén quixeron preguntarlle ao goberno local do BNG que vai facer coa praia do Cargadoiro que “está outro ano máis cerrada e outro ano máis no que o goberno local pon desculpas e non concreta ningún traballo ou xestión ante Costas”. Vega defende que “non se poden poñer desculpas, o que hai que facer é concretar. Ninguén quere que haxa un problema no Cargadoiro. Por iso pedimos que se solucione rapidamente”.
Tamén esixiron que “se actúe nas instalacións deportivas, no campo de fútbol Pepe Barrera, no pavillón municipal, na pista polideportiva de Rinlo, nos parques biosaudables do concello poñendo como exemplo o que hai no aparcamento municipal porque está todo absolutamente abandonado. Non pode ser é que se lle conteste á viceportavoz do noso grupo que xa estamos traballando no tema; pero cando se piden explicacións concretas, non haxa nada”, manifesta Vega.
O popular conclúe que “temos un goberno local pasivo, que non concreta ningunha acción; pero que si pon desculpas”. Mentres, “o Grupo Municipal Popular seguirá traballando por Ribadeo”.