Site icon Crónica3.com A Mariña

“Capitán Galiza”, por Covadonga Suárez

Temos un superheroe. Para que procuralo en Marvel ou en Hollywood, cando temos un que arrecende a costa verdecente?

O amor -como dixo Will Smith despois de arrearlle unha labazada ó presentador dos Oscar- faite facer toleadas. Iso explica que o amante da terra galega poda facer auténticas toleadas segundo sopre o vento nos rumorosos pinos. Sen deixar de amar de xeito tolo ó patrimonio e á natureza local, pode declarar na prensa que dálle igual que na illa Pancha poñan un bar ou un Zara, como pode afirmar sen poñerse vermello que o Defensor del Pueblo ó mellor é un incompetente por pedir respecto á lei Natura 2000, como non gurguta se na illa hai unha foxa séptica sen legalizar dende hai anos. Porque non saber como vai o das verteduras á la Ría también é amar a terra a tope.

Rei da transparencia nos seus momentos de ocio, retén e nega información á AAVV Por Nuestro Faro e ó pobo de Ribadeo sobre a illa Pancha dende fai, ao menos, 7 anos. Tamén se fai o preguizoso co Defensor e o Valedor, que tiveron que chamalo á orde varias veces para que remitira a información solicitada por eles. Por suposto, temos a lista de todos eses correos, por se alguén puidera estar interesado. Quen queira tamén pode procurar na páxina web do Concello de Ribadeo e ver cantas veces se ten mentado a praia das Catedrais nestes últimos anos e comparar co número de veces que se informou sobre a illa Pancha.

Por iso, a nosa sorpresa foi maiúscula cando a pasada Semana Santa vimos publicado na web o resultado dun contencioso polo que tíñamos preguntado varias veces, sen éxito. A xulgar polo titular parece como se o Concello sempre tivera defendido o acceso á illa Pancha e rematara de ganar a batalla. «Informando», pode lerse tamén en facebook. Vaia expansión. E todo por ter ganado un contencioso derivado dunha denuncia da empresa concesionaria. Igual ata acaba cumpríndose a lei de rebote.

En Por Nuestro Faro estamos moi contentos de que un tribunal teña recoñecido que a porta de Illa Pancha debe estar aberta. O que non sabemos é por que Capitán Galiza cos seus superpoderes non mandou nunca que se abrise a porta da illa, así, de xeito sinxelo, dado que a obriga de tela aberta ó público en xeral está nos papeis dende 2017. Por que espera a unha denuncia do promotor e a resolución do TSXG para sacar o tema. E por que segue sen mover un dedo.

Por suposto, o autobombo de quen nos pon tropezos de xeito máis acérrimo xa se ten estendido como a pólvora. Que grande es, Capitán Galiza, agora abanderado dunha causa que sempre te deu urticaria. Durante todo este tempo a illa Pancha foi usada como unha propiedade privada: montouse hotel e cafetería, e ábrese e pecha cando lle apetece ó hostaleiro en función do seu calendario de tempada. Ah, e sen presión de ningún tipo por non respectar as condicións da licenza de apertura.

E así segue a ser, a pesar do que digan xuíces, defensores, valedores, ecoloxistas en acción, e a AAVV Por Nuestro Faro.

Nós, aínda que non levemos capa, seguiremos adiante. Os tempos son chegados/ dos bardos das edades/ que as vosas vaguedades/ cumprido fin terán.

Covadonga Suárez, presidenta da AAVV Por Nuestro Faro

Exit mobile version