Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O cativo balance de Núñez Feijóo”, por Xoán Antón Pérez Lema

Rematou abril coa demisión do presidente da Xunta, que racha deste xeito o compromiso asumido perante a cidadanía galega no verán electoral de 2020, naquela campaña sen siglas do PP, a do “Galicia, Galicia, Galicia”. Foron trece anos e algúns días e deixa tras del catro maiorías absolutas, mais tamén unha Galicia máis dependente, menos equitativa e máis pobre.

Núñez Feijóo, como xa teño escrito, asistiu pasivo dende o 2009 ao proceso de deconstrución do subsistema financeiro galego, composto na altura por Caixa Galicia, Caixanova, Caixa Rural Galega e polos Bancos Gallego, Pastor, Galicia e Etcheverría. Asistiu pasivo á merca do Pastor polo Popular e á merca do Gallego polo Sabadell. Non foi quen de evitar a destrucción das Caixas e mesmo fixo posíbel unha malfadada fusión que contribuiu en parte ao imparábel proceso de exclusión financeira das nosas empresas e consumidores, que nace do crecente oligopolio bancario e recentralización das decisións de financiamento en Madrid e ao que o Presidente galego asiste dende a total pasividade.

Malia sermos menos galegos, por mor da falla de resposta reindustrializadora, hoxe hai máis pobres ca no 2009. O 25,7% da poboación estaba en risco de pobreza ou exclusión no 2020. Dende 2017 a pobreza medra no noso país máis ca no conxunto do Estado. No 2008, gobernando PSde G e BNG acadamos o índice de desigualdade máis baixo da historia (0,284 no índice de Gini), mentres que no 2020 este índice era do 0,42. É dicir, durante o tempo de goberno de Núñez Feijóo e malia a redución da poboación en termos absolutos, medrou a desigualdade case nun 50%.

Como tamén escrebín na pasada campaña electoral de 2020 o mito do bo xestor non se ten de pe. Mil camas menos na sanidade galega dende 2009. No 2019 eramos o terceiro territorio do Estado con menos camas hospitalarias (3,14/1000 residentes), sendo a nosa ratio de camas UVI de 5,88/100.000 habitantes, fronte as máis de 13 de Alemaña e 8,2 do conxunto do Estado. Nos servizos sociais non se creou unha soa praza pública de residencias da terceira idade, abandonando o coidado dos nosos maiores dependentes en multinacionais orientadas ao beneficio económico.

O noso índice de investimento en I+D+i é dos máis baixos da Europa (0,84% PIB). Non existiu política industrial nin existiu crédito público orientado ás nosas empresas nestes trece anos. IGAPE e XESGALICIA foron claramente infrautilizados, mentres entre 2009 e 2014 perdíamos todo o emprego industrial creado entre 2000 e 2008.

Núñez Feijóo actuou máis como contábel ou como presidente dunha comunidade de veciños (como ven de escrebir Antón Losada) que a xeito de Presidente dun país. Iso si, amosou ser o o mellor facéndolle oposición á oposición e botándolle as culpas aos demáis.

Exit mobile version