Ribadeo, 6 de abril de 2022. O Portal de Emprego do Concello, que botou a andar o pasado 29 de marzo está a ter unha boa acollida tanto entre as empresas como entre as persoas demandantes dun posto de traballo.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “dende a súa posta en funcionamento o pasado 29 de marzo o Portal de Emprego de Ribadeo tivo unha importante repercusión tanto a nivel das empresas ou autónomos/as que están realizando procesos de selección de persoal como das persoas que se atopan buscando emprego activamente”.
O edil ribadense explicou que “no Portal de Emprego de Ribadeo as empresas poden publicar de forma rápida e sinxela as ofertas de emprego para os postos vacantes, recibindo directamente no seu correo electrónico as candidaturas adaptadas ao perfil profesional demandado”.
Vizoso Galdo subliñou que “en total, ata o día de hoxe foron publicadas 17 ofertas de emprego, un número moi elevado tendo en conta o ámbito xeográfico no que se lanza este portal, posto en marcha dende a Área de Desenvolvemento Local do noso Concello”.
Para a concelleiro de Desenvolvemento Local “tal e como cabía esperar, coñecendo a estrutura do sector empresarial da nosa comarca, a maioría das ofertas de emprego proceden do sector da hostalería. A maior parte das vacantes sitúanse en Ribadeo, pero tamén se publicaron ofertas de emprego procedentes doutras localidades da Mariña Lucense. Os postos solicitados no eido da hostalería son de camareiros/as de barra e sala, axudantes de cociña, recepcionistas e camareiros/as de pisos. O resto das ofertas de emprego solicitan persoal nas ocupacións de empacadores/as de peixe, carreteiros/as, operarios/as, monitores/as de ocio e tempo libre, enmacetado de plantas, operadores/as de cámara e vídeo, podólogos/as e comerciais”.
Para acceder ao Portal de Emprego de Ribadeo só hai que dirixirse ao seguinte enderezo: https://www.portalemprego.ribadeo.gal/