Site icon Crónica3.com A Mariña

Baixo control unha fuga de amoníaco na lonxa de Celeiro sen consecuencias para as persoas

Viveiro, 13 de abril, 2022. Unha fuga de amoníaco procedente do depósito dunha cámara frigorífica mobilizou, esta pasada noite, aos servizos de emerxencias de Viveiro. Por fortuna, ninguén resultou afectado.

Ocorreu ás 22:15 horas de onte na lonxa de Celeiro, onde unha ruptura na tubaxe do sistema de refrixeración provocou a liberación do amoníaco en estado gaseoso.

Co fin de atallar a fuga sen maiores consecuencias para a contorna, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento procederon a illar o depósito afectado.

A alerta sobre este suceso recibiuse no 112 Galicia mediante a chamada dos traballadores, que informaban dunha importante fuga deste gas na zona de conxelado. Axiña os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Viveiro, axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Local e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Rematada a intervención, os servizos de emerxencias confirmaron ao 112 Galicia que a perda tivo lugar pola rotura dun tubo da cámara frigorífica. Pola súa banda, os bombeiros realizaron medicións do ambiente que deron como resultado un nivel correcto de osíxeno.

Exit mobile version