Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata o 30 de setembro está aberto o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas situadas nos Aris de Ribadeo e de Rinlo

Ribadeo, 4 de abril de 2022. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anima aos propietarios de vivendas situadas nos Aris de Ribadeo e Rinlo a solicitar subvencións para a súa rehabilitación. Agora ábrese un prazo de 6 meses, que remata o 30 de setembro, para poder solicitar esas axudas. En total para a décimo cuarta fase do Ari de Ribadeo e para a sétima do Ari de Rinlo destínanse 260.000 euros.

O rexedor declarou que “logo de asinar hai uns días convenios entre o Ministerio de Transportes, o Instituto Galego da Vivenda e o Solo e o Concello de Ribadeo para levar a cabo obras de rehabilitación de vivendas no Ari de Ribadeo, que é a 14ª fase, e no de Rinlo, que é a 7ª fase, agora saen publicadas as bases da convocatoria de concorrencia competitiva e ábrese un prazo de 6 meses para solicitar estas subvencións. Este prazo vai rematar o 30 de setembro deste ano e a contía de subvención a percibir a fondo perdido no caso máis óptimo poderá chegar ata 24.000 euros”.

Suárez Barcia dixo que “evidentemente para levar a cabo estas obras de rehabilitación e ter dereito a subvención entre outros requisitos teñen que contar coa correspondente licenza municipal de obra. E estas obras teñen que estar rematadas o 30 de abril do ano 2025, como moi tarde. Para os criterios de selección e para a valoración das solicitudes de subvención vanse ter en conta especialmente sempre que sexan melloras de condicións de habitabilidade e de accesibilidade das vivendas, tamén por razón socioeconómica e ademais aquelas outras obras de rehabilitación que sexan para medidas de aforro enerxético”.

O alcalde ribadense engadiu que “polo tanto todo o mundo que teña dúbidas ou que estea animado a solicitar estas rehabilitacións dos cascos vellos de Ribadeo e de Rinlo, que son os dous ámbitos urbanos que temos, poden vir á oficina de rehabilitación, que está aquí no propio Concello. Hai que ter en conta que é bastante diñeiro, tanto do Ministerio, en maior medida pois é o 70 por cento, e o IGVS, o 30 por cento; en total son uns 260.000 euros para 26 actuacións teóricas”.

Exit mobile version