Arias lembrou que as entradas poden reservarse gratuitamente a través da páxina web ascatedrais.xunta.gal. Tamén hai un cupo de accesos que xestionan diferentes entidades públicas e privadas autorizadas para distribuílas, como o Clúster de Turismo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, establecementos hoteleiros, os taxistas de Ribadeo e outros operadores de transporte colectivo. Polo momento o pico de reservas rexistradas para a Semana Santa concéntrase entre os días 14 e 16, que superan o milleiro de prazas ocupadas. Para o Venres Santo case 2000 persoas solicitaron xa acceder á praia. O prazo segue aberto ata que se cubra toda a oferta.
O delegado fixo fincapé en que a Xunta pretende favorecer un turismo ordenado e sustentable no Monumento Natural da Praia das Catedrais. Entre as medidas postas en marcha para a conservación deste espazo figura o contrato de atención a visitantes, que ten un investimento de 215.400 euros para dous anos -o actual está en vigor ata 2023-.