Guldrís, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que esta rede de apoio ao emprendemento celebra este ano a súa sexta convocatoria co dobre de espazos cos que botou a andar en 2016. De feito, o da Mariña é un dos 11 novos que este ano están activos por toda Galicia. Un coworking que se celebra de modo ininterrompido desde a primeira edición permitindo, ata o de agora, a posta en marcha de 52 proxectos empresariais na comarca e a xeración de 128 empregos.
“Como Administración, non podemos permitir que unha boa idea de negocio quede nun caixón por falta de apoio”, salientou o director do Igape durante o encontro mantido cos participantes, no que apuntou que máis da metade dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións en Galiciase consolidaron como empresas: en concreto, 384 que, á súa vez, permitiron a creación de 624 postos de traballo. Ademais, sinalou que máis da metade das persoas participantes, 489, foron mulleres.
Estes espazos coworking, lembrou Guldrís, ºofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.
Deste xeito, os coworking configúranse como unha das actuacións máis completas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de emprendemento. Un eido no que Guldrís destacou, tamén, os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que teñen permitido impulsar ata o de agora preto de 130 iniciativas empresarias na provincia de Lugo.
Estas actuacións, subliñou Guldrís, enmárcanse na Axenda de Emprendemento que está a ultimar a Xunta de Galicia, e que que recollerá novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos que leven o apelido innovador, dixital e sustentable.