Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste preto de 700.000€ en melloras nos edificios de uso profesional do porto de Celeiro

Viveiro, 1 de abril de 2021. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir preto de 700.000 euros nas obras de mellora de dous inmobles de uso profesional no porto de Celeiro, no concello lucense de Viveiro. Trátase do edificio náutico-pesqueiro e da nave de redes, inmobles que visitou esta mañá a presidenta do organismo portuario, Susana Lenguas, coincidindo co inicio das obras no primeiro deles.

A responsable do ente público explicou que Portos de Galicia está a construír dunha nova cuberta no edificio náutico-pesqueiro, que presentaba problemas de estanquidade. Coa fin de mellorar as condicións do inmoble, as obras prevén tamén reparacións na fachada e na estrutura, entre elas, a instalación de paneis de policarbonato nunha pequena parte da fachada, o saneado da escaleira metálica e a reposición de luminarias e antenas. O orzamento desta actuación é de algo máis de 300.000 euros e os traballos, que deron comezo esta mesma semana, teñen un prazo previsto de execución de tres meses.

A esta actuación unirase nas vindeiras semanas a outra obra de envergadura centrada tamén na mellora das condicións de traballo dos profesionais do mar, o acondicionamento da nave de reparación de redes. Os traballos consistirán na renovación da envolvente do edificio, incluíndo o relevo de peches e cuberta, así como a dotación dunha zona de aseos e outra reservada para o servicio Marpol, de recollida de hidrocarburos.

As obras incluirán tamén a modificación da posición dun almacén anexo existente no extremo noroeste da nave. En total, esta actuación contará cun investimento de 380.000 euros e o prazo de execución previsto, unha vez iniciados os traballos, será de catro meses.

Exit mobile version