Ribadeo, 9 de abril 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo,Daniel Vega, pon en valor “outra nova inversión da Xunta en Ribadeo” tras coñecer que “dirixe 200.000 euros co programa Rexurbe á adquisición de edificios no casco histórico ribadense que, posteriormente, serán rehabilitados e destinados a vivenda social”.
“É unha boa noticia para Ribadeo porque permitirá recuperar os edificios que se atopan nun lamentable estado e potenciar, dende o punto de vista social, unha importante zona do noso pobo”, manifesta.
A Área Rexurbe comprende 1.059 vivendas das rúas San Roque, Reinante e San Francisco, o parque e o casco vello ata case chegar ao porto. Nesta área existen 22 edificios en estado ruinoso, 79 en mal estado e 19 nun estado deficiente superando, polo tanto, o mínimo de 50 inmobles que necesitan intervención segundo recolle a Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia para a súa declaración.
“Evidentemente as vivendas teñen propietarios e todos aqueles que poidan estar interesados en vender os inmobles dispoñen ata o 15 de xuño para presentar as súas ofertas ao programa Rexurbe”, explica Vega.