Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destaca o compromiso medioambiental do palangre de fondo de Burela ao ser a primeira frota de altura que acada a ecoetiqueta Pescaenverde

Burela, 20 de abril de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe o valor da marca Pescaenverde da Universidade de Santiago de Compostela para certificar a actividade respectuosa da frota co medio ambiente, pois permite transmitir aos consumidores o seu perfil ambiental en termos de pegada de carbono e da súa taxa de retorno enerxética e que o seu labor se desenvolve cun baixo impacto no medio. Así o sinalou no acto de entrega de certificados Pescaenverde á frota pesqueira de palangre de fondo da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7), onde enxalzou o seu labor por ser a primeira da modalidade de altura que se certifica con esta ecoetiqueta que poderá empregar para a comercialización da pescada do pincho.

Neste evento, no que tamén estivo o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a titular de Mar puxo de relevo que con esta marca gañan todos os elos da cadea do mar porque, especificou, as empresas poden valorar os impactos económicos da eficiencia enerxética da súa actividade e os consumidores poden comprar un produto máis sustentable. Nesta liña, sinalou que Pescaenverde contribúe ao incremento da rendibilidade da frota, entre outras cuestións polo incremento das súas vendas ante a crecente demanda de produtos con baixas emisións de dióxido de carbono.

Ademais Rosa Quintana sinalou que esta marca contribúe a aumentar o valor dos produtos do mar e a garantir a súa diferenciación. Tamén é, engadiu, un apoio á conciencia ambiental e á marca Galicia, unhas vantaxes que repercuten na confianza. Confianza, incidiu a conselleira, nunha certificación cientificamente avalada pola USC e no tecido empresarial vinculado á OPP do Porto de Burela.

Neste sentido, agradeceu a estas entidades o traballo realizado para situarse baixo o paraugas das garantías ambientais, da calidade e da responsabilidade laboral. Tamén tivo palabras de agradecemento para Armadores de Burela (ABSA) por fortalecer o gran motor económico que é o mar para Galicia.

A maiores, Rosa Quintana sinalou que a etiqueta Pescaenverde é un exemplo da tripla hélice na que se unen a universidade, o sector e a Administración e tamén de fusión da tradición e as novas tecnoloxías nun sector que incorporou ás súas tarefas os novos sistemas de traballo sustentados en procesos innovadores.

O selo Pescaenverde
Esta ecoetiqueta ten o respaldo científico do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da Universidade de Santiago de Compostela, que deseñou un software para promover o cálculo da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxética adaptada ás características do sector pesqueiro. No ano 2013 a Oficina Española de Patentes e Marcas expediu o título de rexistro da marca Pescaenverde.

Trátase dun selo que aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente ao mesmo tempo que outorga un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, impulsando a venda nun mercado cada vez máis competitivo e no que moitos compradores buscan produtos respectuosos co medio.

En Galicia contan con este selo máis de 30 confrarías de pescadores e con el dan valor aos seus produtos facendo ver aos compradores que son capturados cunha baixa pegada de carbono e de xeito eficiente enerxeticamente. Agora a frota de palangre de fondo da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7), que captura pescada do pincho, convértese na primeira de altura que se certifica con esta ecoetiqueta.

Exit mobile version