Site icon Crónica3.com A Mariña

Segunda proxección do Ciclo Mestre Mateo co documental gañador A virxe roxa, este sábado en Foz

Foz, 18 de abril, 2022. Este sábado, 23 de abril, a Delegación de Xuventude de Foz, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, proxecta A virxe roxa, documental gañador dos Premios Mestre Mateo.

A virxe roxa fainos viaxar a xuño de 1933, cando un suceso conmociona á España da época: Aurora Rodríguez Carballeira acaba coa vida da súa propia filla de 18 anos de 4 disparos. Non se trataba dunha moza calquera. Hildegart Rodríguez era unha nena prodixio da política, unha precoz intelectual e pioneira do feminismo en España.

A súa historia vai máis aló do que se coñece pola súa imaxe pública. Ademais dun prodixio, Hildegart Rodríguez era un produto, unha creación, un proxecto que tiña como finalidade traer ao mundo á muller do futuro.

O mito de Frankestein faise realidade nunha España ás portas da guerra civil.
Este filme ademais de gañar o premio ao mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, tamén foi finalista na categoría de mellor montaxe, e resultou premiado en festivais internacionais como DOCA ou Blackboard.

A concelleira de Xuventude, Gema Méndez Leivas, anima a todas as persoas a reservar xa a súa entrada para esta segunda proxección do Ciclo Mestre Mateo, a través do correo electrónico xuventude@concellodefoz.es ou do teléfono 982133037. Tamén poden enviar mensaxe directo a través das redes sociais do Concello: Facebook, Twitter e Instagram.

O sábado 23 de abril, ás 18:30h, na Casa da Cultura, sesión do mellor cine galego, con A virxe roxa.

Exit mobile version