Site icon Crónica3.com A Mariña

A VI edición do Certame de Pintura Mural “AMARTE” de Burela xa está en marcha

Burela, 26 de abril de 2022. A Delegación de Cultura do Concello de Burela vén de presentar a VI edición do Certame de Pintura Mural “AMARTE”, que terá lugar no Porto de Burela do 4 ao 7 de agosto coincidindo coa Feira do Bonito, que se recupera despois de dous nos por mor da pandemia da covid19.

As bases poden consultarse tanto na páxina de Facebook do certame – Certame Internacional de Pintura Mural amarte – como na web municipal – burela.org/gl/amarte2022-.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, presentou esta nova edición comentando algunhas das novidades, como “o incremento da contía dos premios, ascendendo o primeiro a 1600 euros, o segundo a 800 e o terceiro a 500”. Nesta ocasión “pintaranse nove paneis, quedando unicamente unha sétima edición para 2023 que completará todo o espazo con outros nove, e na que se están a preparar algunhas sorpresas como o encontro de todos os gañadores do certame”.

As propostas poderán enviarse ata o 15 de xullo á dirección de correo amarteburela@gmail.com, debendo realizarse en base á temática do mundo do mar. Cada participante só poderá entregar un máximo de dúas propostas, e non poderá participar o gañador da edición anterior, “co obxectivo de aumentar a cantidade de posibles candidatos para gañar”, explicou Díaz.

Os 9 murais seleccionados polo xurado terán as seguintes dimensións: 5.90m. x 2.10m, e deberán ser completados nun máximo de 4 días. “Estamos seguros de que haberá moitas propostas este ano, o pasado tivemos máis de cen provintes de distintos lugares, e resulta emocionante ver a calidade e o número de finalistas que fan as súas propostas e que contribúen a que o noso peirao se convirta nun museo ao lado do mar”. Un sinal máis da “recuperación da normalidade coa coincidencia, habitual antes da pandemia, coa Feira do Bonito de Burela, que completamos con actividades paralelas como esta que enriquecen a cultura do pobo e que gustan tanto á xente de fóra como, por suposto, á xente de Burela”.

Exit mobile version