Lugo, 29 de abril de 2022. A Deputación de Lugo colabora, un ano máis, coa celebración do Resurrection Fest de Viveiro. Este evento musical, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 3 de xullo na cidade do Landro, contará cunha achega de 150.000€ do organismo provincial, tres veces máis que o pasado ano, que achegará a través dun contrato de patrocinio segundo o acordado hoxe pola Xunta de Goberno.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto recordou que “dende a Deputación de Lugo apostamos claramente dende o principio por este festival, ofrecendo un apoio que foi clave para que o Resu se consolidase como o que é hoxe: unha cita de referencia a nivel nacional e internacional, que atrae a milleiros de persoas e que produce un retorno económico de primeira orde para Viveiro e para toda A Mariña”. Dende a institución, remarcou, “esperamos que o Resurrection Fest regrese con toda a forza, e que recupere e mesmo que aumente o retorno económico xa enorme que tiña na Mariña antes da pandemia”.
Esta cita serve de promoción da provincia de Lugo dentro e fóra de Galicia e, ao mesmo tempo, á recuperación da actividade turística, hostaleira e comercial. O Resurrection Fest contou na súa última edición antes da pandemia con máis de 100.000 visitantes e xerou, segundo ten estudado a Universidade de Santiago, un retorno económico que ronda os 9 millóns de euros.
O programa
Este ano o Resurrection Fest contará con bandas como Judas Priest, Deftones, Sabaton, Opeth, Heaven Shall Burn ou Sepultura e actuación exclusivas en España de agrupacións como Avenged Sevenfold, KoRn, Bring Me The Horizon, Rise Against ou Bullet For My Valentine. Pódese consultar a información completa desta edición na súa páxina web: www.resurrectionfest.es