Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación estrea a segunda edición do programa Actívate, esta fin de semana, en Ribas de Sil e A Pontenova

Lugo, 28 de abril de 2022. A Deputación de Lugo inaugura esta fin de semana a segunda edición do programa de turismo activo e de aventura Actívate nos concellos de Ribas de Sil e A Pontenova con actividades vinculadas ao sendeirismo e á espeleoloxía.

A través desta iniciativa, a institución ofrecerá as fins de semana ata xullo un total de 26 actividades gratuítas para todos os públicos ao aire libre noutros tantos concellos da provincia co dobre obxectivo de seguir apoiando ao sector turístico, a hostalería e o comercio e, ao mesmo tempo, avanzar nun modelo de turismo de calidade e sostible, que pon en valor o rico e diverso patrimonio da provincia e que dinamiza a economía e o emprego, sobre todo no rural.

As inscricións ábrense progresivamente todos os venres, cunha semana de antelación, ata completar o calendario. Polo tanto, mañá mesmo, a Deputación abre o prazo para anotarse nas vindeiras propostas: iniciación á escalada, en Baleira, o 7 de maio, e agroturismo e introdución á apicultura, en Láncara, o día 8.

As persoas interesadas poden anotarse na web http://inscricions.deputacionlugo.org Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35.

A segunda edición do programa Actívate ofrecerá en 26 concellos da provincia actividades gratuítas, ao aire libre e para todos os públicos vencelladas ao turismo deportivo e de aventura, como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación. Na primeira edición, esta iniciativa tivo unha gran acollida, esgotando as prazas nun breve espazo de tempo.

Actívate súmase a outras iniciativas que ten en marcha a Deputación de Lugo cos mesmos obxectivos de apoiar ó tecido produtivo vinculado ao turismo, á hostalería e ao comercio, e, ao mesmo tempo, favorecer un turismo de calidade e sostible. É o caso do programa Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán unhas 3.000 persoas de 135 asociacións entre esta primavera e o outono; as 16 rutas gratuítas polo románico da provincia que organizou en maio a institución con motivo do Día da Transrománica; ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, unhas xornadas de lecer e gastronómicas que terán lugar en agosto.

As seguintes datas do programa Actívate

MAIO
7 de maio: Iniciación á escalada, en Baleira
8 de maio: Agroturismo e introdución á apicultura, en Láncara
14 de maio: BTT, en Guitiriz
15 de maio: Tiro con arco, na Fonsagrada
21 de maio: Iniciación á equitación, en Taboada
22 de maio: Orientación, en Navia de Suarna
28 de maio: Baños de Fragas, en Cervantes
29 de maio: Iniciación ao paintball, na Pastoriza

XUÑO:
4 de xuño: Cicloturismo histórico, en Castroverde
5 de xuño: Xogos tradicionais, en Abadín
18 de xuño: Snorkel, en Ribadeo
19 de xuño: Camiñata, en Xermade
25 de xuño: Iniciación á vela lixeira, en Foz
26 de xuño: Sendeirismo de montaña e xeoloxía, en Antas de Ulla

XULLO:
2 de xullo: Sendeirismo e botánica, en Portomarín
3 de xullo: Paseos micolóxicas, en Pedrafita do Cebreiro
9 de xullo: Piragüismo, en Lugo
10 de xullo: Camiñata gastronómica, en Lourenzá
16 de xullo: Surf, en Barreiros
17 de xullo: Kaiak de mar, en Burela
23 de xullo: Raid de aventura, en Viveiro
24 de xullo: Trekking, en Monforte de Lemos
30 de xullo: Clase dirixida combinada, en Ourol
31 de xullo: Kaiak de río, en Cospeito e Outeiro de Rei

Exit mobile version