No acto de presentación participou o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, e a representante da Asociación de Amigos da Feira de Bretoña, Carina Iglesias, encargados de organizar esta cita.
García Porto subliñou que esta festa “achega ao rural lucense a numeroso público e, deste xeito, axuda a dinamizar a actividade social e económica da localidade e da súa comarca”, sinalando que a colaboración da Deputación de Lugo con esta festa enmárcase “dentro do noso compromiso por apoiar ó tecido produtivo da provincia de Lugo, promovendo e poñendo en valor un dos nosos principais recursos, como son os nosos produtos e a nosa gastronomía, tan variados e de tanta calidade”.
Así mesmo, recordou que o Plan de Impulso de Economía da Provincia que puxo en marcha a institución provincial “contribúe a paliar os efectos da pandemia nos sectores produtivos, porque as pemes e os autónomos son os que manteñen a actividade económica no rural”. A Deputación colabora con iniciativas como a Festa da Bola de Liscos e Freces para atraer un turismo de calidade e sostible que favorece o desenvolvemento equilibrado do territorio.
Festa gastronómica
Os organizadores estiman que se repartirán medio millar de racións na Festa da Bola de Liscos e Freces. Dende a asociación pastoricense destacan que esta cita permite que a veciñanza recolla os produtos e os deguste na súa casa pero, tamén, poden probarse no espazo destinado para a cata con mesas e actividades lúdicas.
García Porto destacou que “A Pastoriza será parada para moitos veciños e veciñas da provincia e de fóra dela, que se animarán a probar estes dous pratos típicos da zona, feitos para o gusto de todos os padais: os que prefiran salgado, optando polas bolas de liscos, e os que sexan máis lambóns sempre poden saborear as freces”.
A Deputada rematou o acto de presentación animando á veciñanza da provincia “a achegarse este domingo a Bretoña para degustar estes dous produtos e, ó mesmo tempo, para gozar da natureza, do patrimonio e da xente da Pastoriza”.