O director da formación David Ballester, anuncia que “despois de que a Banda non puidese celebrar o concerto Aquí como en Viena, que tíñamos preparado en decembro do ano pasado, porque daquela había un número importante de casos de Covid na nosa vila, retomamos agora a actividade, esperemos que coa maior normalidade posible, co concerto de Semana Santa. Celebrarase o mércores 13 de abril ás 20:45 horas na igrexa parroquial”.
David Ballester agradece “tanto á asociación Amigos da Semana Santa como ao párroco de Santa María do Campo a súa disposición a celebrar alí o concerto”.
O director da Banda ribadense explica que “será un concerto típico de Semana Santa, con obras de Albinoni e de Bach e despois unhas marchas procesionais”.
“Esperando que poidamos volver á normalidade absoluta invitamos a toda a xente que estea por Ribadeo o mércores 13 de abril ao concerto de Semana Santa, que terá lugar na igrexa parroquial de Santa María do Campo”, remata Ballester.