As multas parten das denuncias presentadas no ano 2020 pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla ao detectar que os contratos de compra do leite aos produtores non cumprían co estipulado na lexislación ao efecto.
En concreto, a Aica dá a razón a Agromuralla en canto a que os contratos presentados por Lactalis, Leite Río e Celega “non inclúen os extremos que como mínimo deben conter os contratos alimentarios”, en concreto, o precepto 23.1.b) da Ley 12/2013 da Cadea Alimentaria.
No caso de Celega, a maiores, a infracción ten que ver con “realizar modificacións no prezo incluído no contrato que non estean expresamente pactadas polas partes”, segundo se detalla nunha comunicación que acaba de recibir Agromuralla por parte da Axencia encargada de vixiar o cumprimento da legalidade en materia agroalimentaria.
Agromuralla seguirá vixiante
A través dun comunicado, Agromuralla mostra a súa satisfacción pola actuación do organismo dependente do Ministerio de Agricultura, a quen pide sen embargo “que actúe de oficio vixiando o cumprimento da lei e en defensa dos dereitos dos produtores, sen que teñan que ser os propios gandeiros os que se vexan obrigados a denunciar, tendo que enfrontarse ás empresas que lles recollen o leite”.
Con todo, a asociación de gandeiros e gandeiras xa anuncia que se manterá “vixiante” e levará ante a Aica “todas aquelas situacións que vulneren a normativa e supoñan un motivo claro de indefensión para os produtores”.
“Non imos tolerar ningún abuso por parte das industrias. Nunha situación de custos disparados de produción como o actual é esixible o cumprimento estrito da Lei da Cadea, que establece que o prezo pagado debe cubrir eses custos de produción”, conclúe Agromuralla.