Viveiro, 29 de abril de 2022. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou nun acto celebrado no Teatro Pastor Díaz “o exemplo de compromiso, rebeldía e loita pola igualdade de Maruja Mallo”.
Loureiro participou no ciclo conferencias ‘Maruja Mallo. Viveiro e a vangarda do século XX’, que onte pola tarde acolleu a intervención ‘Maruja Mallo. Arte da Vida’, a cargo de artista Antón Patiño.
“Quero dar en primeiro lugar as grazas á concellería de Cultura e Muller de Viveiro e á súa concelleira, Lara Fernández, polo seu traballo na organización deste ciclo”, afirmou a alcaldesa de Viveiro.
“Como ben sabedes, neste 2022 cumpriuse o 120 aniversario do nacemento desta artista viveirense e desde o Concello estabamos na obriga de preparar unha programación especial”, engadiu.
“A relevancia de Maruja Mallo recae non só na sua importante obra como pintora vangardista, senón tamén no seu papel abanderando o movemento das ‘Sin Sombrero’. Dito movemento, aínda tan necesario hoxe en día, buscaba a visibilidade das mulleres vinculadas ás artes e ás letras que quedaron excluídas dos círculos masculinos”, afirmou María Loureiro.
“A súa obra e a súa forma de ser e comportarse son un exemplo para todas aquelas mulleres que traballamos cada día pola igualdade. A igualdade real entre homes e mulleres non é unha loita superada desgrazadamente, pero é unha prioridade para o Concello de Viveiro, por iso é tan importante a busca de referentes como Maruja Mallo”, rematou.
Esta tarde continúa o ciclo con Carmen Gaitán Salinas, científica no Instituto de Historia do CSIC, co relatorio ‘Explorando o cono sur: Maruja Mallo e o seu exilio transatlántico’. Será no Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 20:30 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo.