Viveiro, 13 de marzo de 2022. O Concello de Viveiro promocionou a súa Semana Santa hoxe en Sevilla. Fíxoo a alcaldesa, María Loureiro, nos actos do quinario da Cofradía de Nuestro Padre Jesús Cautivo e Nuestra Señora del Rosario Doloroso de Sevilla.
A presentación contou coas intervencións da rexedora e de José Veiga Golpe, presidente da Xunta de Cofradías de Semana Santa. Tamén se proxectou un vídeo sobre Viveiro, e mostráronse estandartes e hábitos de distintas cofadías e irmandades.
A programación da Semana Santa para este ano inclúe todas as actividades e actos habituais, coa esperanza de que se poida celebrar con normalidade e atendendo ás medidas sanitarias.
“Festa de Interese Turístico Internacional, a Semana Santa de Viveiro é unha das máis antigas da Península Ibérica con oito séculos de historia”, remarcou a alcaldesa, María Loureiro, durante a presentación.
Así, a rexedora quixo deixar claro que, ademais da relixión e a cultura, Viveiro ofrece moitas posibilidades aos visitantes, porque “é un municipio hospitalario e acolledor, de profunda pegada histórica e eminentemente turístico, dotado dos servizos dunha gran cidade e co encanto propio das pequenas vilas”.
Nesta liña, María Loureiro invitou aos presentes a visitar a vila e comprobar “en persoa” as súas múltiples virtudes.
Tras as intervencións, tivo lugar o concerto da Banda Nuestra Señora de la Misericordia, que leva anos traballando incansablemente para adaptar marchas doutras rexións coa finalidade de incluílas na Semana Santa de Viveiro e que xa ten participado e colaborado noutras presentacións en Zamora e Granada. A través desta banda, O Concello e a Xunta de Cofradías foron a presentar a Semana Santa en Sevilla.