Viveiro, 16 de marzo de 2022. A orde do día do pleno municipal do Concello de Viveiro que se celebra esta tarde inclúe a aprobación definitiva da Ordenanza reguladora do uso común especial dos viais municipais para a saca de madeira.
O concello considera prioritario o sector forestal para a economía local e quere impulsar a súa actividade. O obxectivo da nova norma é regular a saca de madeira e compatibilizala coa correcta conservación dos viais e camiños públicos nun concello como Viveiro, con paraxes naturais, montaña e diferentes rutas de sendeirismo.
Tras a resolución das alegacións presentadas pola Asociación de empresarios de primeira transformación da madeira de Lugo no prazo de exposición pública, agárdase que esta ordenanza poida quedar aprobada de forma definitiva.
De ser así, esta ordenanza entraría en vigor cando transcorra o prazo de 15 días hábiles tras a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
A finalidade desta ordenanza é polo tanto poder regular o uso común especial dos viais municipais para este fin, compatibilizando a actividade forestal coa conservacións dos viais de titularidade municipal e establecendo o procedemento a seguir para tramitar e obter as autorizacións necesarias para a realización desta actividade no termo municipal de Viveiro.