Ribadeo, 9 de marzo de 2022. Segmento Cantábrico así se titula o primeiro disco en solitario de Ugía Pedreira, que arrincará xira este sábado, 12 de marzo, en Ribadeo no auditorio municipal Hernán Naval. O evento foi presentado este mediodía no miradoiro da área recreativa da Illa Pancha por Ugía Pedreira e pola concelleira de Cultura, Pilar Otero.
A edil declarou que “imos ter a sorte de contar con Ugía Pedreira, este sábado, en Ribadeo. Convido a todo o mundo a que veña a escoitar esta marabillosa voz, como a chamou o meu ex compañeiro Farruco Graña, a serea do Cantábrico. Eu creo que vai ser unha marabilla. Temos a sorte de que estea por aquí e de que nos poida deleitar”.
Pilar Otero dixo que “este concerto coa nova proposta (logo de 12 discos gravados e despois de ser voz de Marful, Nordestin@s, Acróbata ou Ecléctica Ensemble) xa vén sendo anunciado desde semanas atrás, e é a priori moi especial por ser o primeiro traballo asinado en solitario, utilizando o seu apelido como marca, A Pedreira”.
As entradas xa están á venda en internet, en enterticket.es mais poderanse mercar tamén no despacho de billetes do propio auditorio desde media hora antes do concerto.
Ugía Pedreira explicou que “vai ser, por un lado, a presentación dos once temas que están no álbum Segmento Cantábrico, que van enlazados co poemario Atalaia Norte. Vou estar acompañada de Pierre-Yves Rougier cos sintetizadores, cantos difónicos e voces; Xabier Bello que leva na pantalla tipografías, deseños e pinta in situ; a posta en escena de Marina Oural, que envolve e fai un lazo de todo o segmento e a toda atalaia; as luces de Alberto Casas, que é un iluminador de Cervo que traballou con Milladoiro, Guadi Galego, Mago Antón e moita xente; Xurxo Piñeiro, que é o técnico de son ao que eu lle chamo o máster do son porque traballou moito entre Madrid e Londres co son e ten moito pensamento arredor do son, a produción de Nordesía e o convite de Ribadeo. Así que imos en horizonte amplo”.
Ugía Pedreira dixo: “a verdade é que me presta moito poder comezar este álbum en Ribadeo porque é o primeiro porto abrigado que ademais é unha praza onde eu sempre vin con Nordestin@s, con Chouteira, con Marful, todos os proxectos anteriores pasaron por Ribadeo. Sempre foi un porto importante dentro do Cantábrico. Entón comezar aquí a min me fai moita ilusión que veña a tribo, que veña a comunidade. Creo que cae de caixón que os artistas deberan presentar as súas primeiras cousas na súa contorna, aínda que logo despois nos vai levar o segmento a onde nos vai levar”.
A artista engadiu que “neste primeiro disco en solitario, porque estiven sempre moi acompañada aínda que sempre fixen composición en todos os outros doce anteriores, quixen centralo moito no meu territorio de maneira incluso antropolóxica, paleontolóxica e xeolóxica. Por iso o que é a imaxe inicial dunha suposta Venus paleolítica gorda, cun escorzo claro mirando ao mar, con esas pedras, que é pedra recollida en Arnao e que pertence a un tipo de pedra arenisca que na época de panxea tamén digamos que está enlazada co que se chama pedra armórica de Bretaña. Eu quixen extrapolar esta vía marítima de relacionamento que leva tantos séculos en movemento e comunicándonos desde Ortegal ata Bretaña, e un pouco dedicar o disco a este horizonte Cantábrico e aos pobos que baña, e que nos relacionamos durante tantos séculos. Hai que pensar que de aquí a Bretaña son catro días nada máis de navegación a vela, iso non é nada nin actualmente nin no século VI cando puido chegar a comunidade de Mailoc a estas terras entre Ferrol e Navia, emigrados das loitas que había alí cos bretois de Inglaterra. Catro días non son nada e hai moitísimas afinidades en todos estes pobos, hai moitas historias e lendas de relacionamento. Quixen ponderar un pouco máis o eixo Cantábrico porque o Atlántico está ponderado de todo”.