A fotografía gañadora, de Tania Verdes, está protagonizada polo salto dunha figura humana cun horizonte de nubes e o solpor ao fondo. A maxia e o xogo de cores do luscofusco tamén emerxe na instantánea finalista de Carla Fernández. Celia Fernández obtivo o recoñecemento como finalista nesta edición por unha imaxe da Finca Galea.
Tras o obradoiro impartido polas fotógrafas Andrea Rodríguez e Fátima Ríos na Asociación Saúde Mental da Mariña na primavera pasada, o Festival Audiovisual da Mariña despediu 2021 coa visita dun colaborador asiduo de Imdecum ao alumnado do IES Monte Castelo de Burela, o artista multidisplinario viveirense David Catá, que encabezou o xurado desta última edición xunto ao presidente de Imdecum, Marcelino Luna.
O Imaxiña continuará percorrido en 2022 este venres facendo parada no IES Alfoz-O Valadouro.