O programa comeza coa actuación musical do grupo “Habelas Hainas”. Grupo feminino formado en 2010 e que toma como punto de partida a música de raíz. Combinan, de xeito brillante, un son enérxico, fresco e orixinal, sempre desde unha perspectiva de xénero. Esta actuación está financiado pola Área de Igualdade da Deputación de Lugo e terá lugar este domingo, 6 de marzo, no centro sociocultural de San Cosme ás 19 horas.
Para o domingo 13 de marzo ás 18 horas, tamén no centro sociocultural de San Cosme, as nenas e nenos que forman parte do programa “Sinfónico no Rural”, interpretarán unha peza musical baixo a dirección do profesorado. Ao acto acudirán varias artistas invitadas, todas elas mulleres mariñás do mundo da música e da escrita que interpretarán varias pezas musicadas. Unha vez remate a actuación farase un breve coloquio. O programa “Sinfónico no Rural” é un programa de educación músicosocial que promove a Fundación Xesús Bal y Gay. Combina a aprendizaxe dun instrumento co desenvolvemento de valores e capacidades encamiñados a enriquecer as relacións sociais, estimular a imaxinación, a motivación, a mellorar a autoestima e o traballo en equipo achegando a música a nenas e nenos independentemente do lugar onde vivan.
Para rematar os actos do mes adicado ás mulleres, o sábado 19 de marzo ás 12 horas, terá lugar nos Colexios Vellos de San Miguel o encontro literario “Mulleres na escrita”. A edil de igualdade, Montse porteiro, sinala que: contaremos coa presenza da escritora burelá Antía Yáñez que nos falará do seu libro “Senlleiras” e tamén presentará o libro da escritora barreirense Lucía Ferro, “Resaibo Amargo”. A concelleira apunta que: esta é a “opera prime” de Lucía Ferro e, desde o Concello de Barreiros, quixemos compartir coa veciñanza o orgullo que sentimos de presentar o libro no seu pobo, nun acto conducido por unha das escritoras galegas de máis sona e que tamén é mariñá.