“Feijóo está utilizando o que lle pagamos na Xunta de Galicia todos os galegos e galegas para facer campaña por España adiante. Se quere andar de mitins, o que ten que facer é dimitir e deixar a Xunta de Galicia, e dedicarse á política nacional, que ten todo o dereito do mundo, pero que llo pague o Partido Popular. Os galegos non temos por que pagarlle, primeiro que non se dedique a Galicia e segundo, os gastos de andar por España adiante dando mitins”, afirmou o mandatario socialista.
José Tomé aludiu ao Congreso que o PP vai a celebrar en Sevilla: “Agora parece que quere rescatar o congreso de Sevilla da época de Manuel Fraga, unha cita na que rompeu aquela carta famosa do señor Aznar. Non sei se agora tamén ten algunha persoa por aí que lle entregue unha carta para romper o señor Feijóo. O que si, sen carta nin nada, é necesario que dunha vez dea paso a outra persoa no Goberno da Xunta de Galicia, porque Galicia non pode ser un muñeco nas mans de Feijóo, sen goberno, sen dirección, sen propostas, sen plan industrial para Galicia e sen atender os servicios básicos, retirando do rural escolas e médicos”.
Neste sentido, puxo como exemplo o que acontece no centro de saúde de Monforte de Lemos. “Agora mesmo acaba de xubilarse o director do centro de saúde, e o que van facer é amortizar a súa praza, e están recomendándolles aos seus pacientes que se vaian a outros médicos para non ter que cubrila. Esta é a realidade da Xunta de Galicia do señor Feijóo”.