Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé destaca na Pastoriza o apoio da Deputación aos centros de interpretación como difusores do rico patrimonio cultural da provincia

Lugo, 11 de marzo de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na inauguración da xornada Os Centros Interpretativos como lugares de educación e formación da cidadanía nos espazos rurais. Unha ollada dende o Centro de Interpretación de Bretoña, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración co Concello da Pastoriza dentro do ciclo Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural.

José Tomé puxo en valor o papel “moi importante” que xogan os centros de interpretación “na promoción do noso rico patrimonio cultural”, destacando neste sentido o apoio da Deputación aos concellos “para crealos e mantelos con ferramentas como pode ser o Plan Único”. Precisamente é o caso da Pastoriza, Concello ao que, segundo explicou o Presidente, a Deputación aportou fondos dende o ano 2014 por un importe total próximo aos 200.000€ para “rehabilitar, acondicionar e equipar” a Casa da Galocha, onde se sitúa o Centro de Interpretación de Bretoña.

O mandatario provincial asegurou que servizos coma este “poñen en valor o patrimonio e axudan a divulgalo con criterios de amenidade e de rigor”. “Os centros de interpretación desenvolven unha gran labor de colaboración cos centros educativos, e poñen a disposición dos veciños e das veciñas unha oferta cultural de primeiro nivel, que fomenta o coñecemento e o orgullo polo propio”, afirmou o Presidente, engadindo que a cultura é, ao mesmo tempo, “unha aliada de primeira orde para promover un modelo de turismo de calidade, sostible, un turismo que valoriza a historia e o patrimonio, un tipo de turismo desestacionalizado, que crea emprego e que contribúe, polo tanto, a fixar poboación no rural”.

Tomé Roca gabou a iniciativa do Consello da Cultura Galega e do Concello da Pastoriza porque, “fronte a esa xeneralización inexacta que fala dun rural baleiro, debemos achegarnos ao noso rural, como estamos facendo hoxe aquí, con este encontro, para coñecer e poñer en valor a súa realidade”. “O rural está demandando menos política de despacho e máis traballo a pé de rúa. Menos eslogans ou frases feitas, e máis coñecemento da realidade, porque para deseñar o futuro hai que coñecer ben o presente”, subliñou o Presidente. “O rural da nosa provincia está cheo de ideas e de posibilidades, que só precisan políticas públicas intelixentes e eficaces para converterse en realidade”, sinalou.

Na xornada participaron tamén o Alcalde do Concello da Pastoriza, Primitivo Iglesias; a Presidenta do CCG, Rosario Álvarez; ademais doutros representantes da entidade autonómica.

Exit mobile version