Cervo, 22 marzo de 2022. A delegación de Cultura e Educación do Concello de Cervo organizou na mañá de hoxe, no auditorio da Casa da Cultura, a representación da obra de teatro en inglés “Robin Hood” para o alumnado dos dous colexios de educación primaria do municipio.
Á función asistiron os alumnos e alumnas de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz. O Concello de Cervo facilitou o transporte do CEIP de Cervo para o seu desprazamento á actividade.
Esta obra, que foi interpretada polos membros da compañía de teatro madrileña Face 2 Face, é unha adaptación do clásico inglés, que serve como elemento didáctico alternativo ás clases lectivas. Durante a sesión os nenos e nenas participaron na obra de xeito interactivo, practicando o vocabulario e a pronunciación.
Segundo a concelleira de educación, Dolores García Caramés, “este tipo de actividades serven como elementos dinamizadores e complementarios ás clases diarias que imparten os profesores”.
“Trátase dunha oportunidade para que os mozos e mozas podan aprender inglés mediante unha obra de teatro, que foi divertida, amena e, sobre todo, instructiva” engadiu a delegada.