Site icon Crónica3.com A Mariña

Robert de Niro goza da mellor Merluza de Burela

Burela, 3 de marzo, 2022. Madrid Fusión Alimentos de España premiou ao actor o pasado martes cun menú “de valor incalculable” elaborado persoalmente por cinco dos mellores chefs do mundo a cambio de convertirse en embaixador do evento.

Durante máis de tres horas Robert De Niro gozou dese menú único na suite real do Mandarin Oriental Ritz en Madrid, no que literalmente probou “o Sabor do Ceo” e pediu mollar pan no prato de ‘Merluza de Burela’ con kokotxas que preparou Martín Berasategui.

“Non sabedes como relambía o prato co pan”, conta con ilusión Berasategui, quen explicou que o actor en todo momento amosou un “interese espectacular” pola gastronomía española.

De Niro puido admirar en primeira persoa como o chef vasco, á súa vez embaixador da “Merluza de Burela”, cociñaba o prato, explicándolle como se emulsiona a salsa verde coa xelatina das kokotxas dunha pescada fresca que chegou esa mesma mañá directamente desde a lonxa de Burela.

Un prato creado con pescada do pincho de Burela en homenaxe á súa neta Jara, que ademais é para este “12 Estrelas Michelin” a mellor versión do prato de pescada con kokotxas que ten probado, e un dos pratos máis destacados na carta do seu restaurante de Lasarte.

En maio de 2021 Madrid Fusión lanzou a Robert de Niro o reto de promocionar a edición 2022 de “Madrid Fusión Alimentos de España” a nivel internacional a cambio dunha comida irrepetible, cociñada por cinco dos chefs máis prestixiosos do planeta, entre os que suman 25 “Estrelas Michelin”: Martín Berasategui, Joan Roca, Quique Dacosta, Mauro Colagreco e José Andrés, quen delegou no seu segundo Carles Tejedor ao atoparse coa súa ONG na fronteira de Polonia e Ucraína.

O menú final foi acordado hai tres semanas polos cinco chefs por videoconferencia, para o que elixiron pratos icónicos das súas cartas con produtos de tempada representativos de cada unha das súas cociñas.

Un menú de 16 pratos no que se incluía a “Versión de tacos de Merluza de Burela con kokotxas, emulsión de café e escamas de pimentón” elaborado por Martín Berasategui. O propio chef contactou hai una semana con Armadores de Burela para confirmar que a ‘Merluza de Burela’ sería unha das protagonistas deste “menú impagable”.

Unha irrepetible comida “de cine” que a gastronomía española nunca esquecerá e na que tamén foi protagonista a calidade do produto pesqueiro da lonxa de Burela, brillando nunha exhibición de talento e paixón a cargo de cinco dos mellores chefs de España e do mundo.

Exit mobile version