O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, manifestou que “no Concello de Ribadeo estamos encantados debido a que fai uns meses se fixo unha inversión moi importante nesa pista, que tiñan toda a súa razón e nos viñan demandando para facilitar a práctica deste deporte minoritario. Estamos moi contentos de que se faga esta xornada e as próximas que van vir dentro dunhas semanas. Este é un inicio da tempada de hockey liña patíns en Ribadeo”.
O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “é certo que no conxunto da comarca é un deporte minoritario porque hockey liña só hai en Ribadeo. Oxalá nos próximos tempos, noutros concellos próximos a nós poidan ter este tipo de especialidades deportivas porque este equipo ten que competir en dúas ligas, na galega e na asturiana, ten unha chea de quilómetros que facer cada fin de semana que se ten que enfrontar aos seus rivais. Nós desde aquí con instalacións animámolos e apoiámolos, pero a ver se con estas iniciativas e con estes torneos imos espertando máis interese noutros concellos cercanos para ver que se poidan facer ligas máis cheas de equipos e máis competitivas”.
O directivo do Club de Hockey Illa Pancha, Miguel Otero, dixo que “este é un deporte minoritario dentro dos minoritarios, pero moi espectacular e moi bonito. Ven ser unha adaptación do hockey xeo en pista seca co cal toda a rapidez e a espectacularidade segue presente. Queremos invitar a todo o mundo que veña velo e agradecerlle sempre ao Concello de Ribadeo a súa implicación con nós porque sen a pista pouco se podería ter feito. Afortunadamente dispoñemos dunha das tres pistas de Galicia oficias de hockey, non hai máis que tres e nós temos unha. A nosa intención é que sexa tamén un nexo de colaboración entre Asturias e Galicia porque é un deporte en auxe entre as dúas comunidades. A verdade é que nos apetece un montón que haxa relación e sobre todo que se potencie a actividade para os nenos e as nenas, que é o que máis nos importa. Ao fin e ao cabo todo isto facémolo polos rapaces e que vexan que hai moitos deportes, moito onde elixir e que se divirtan moito, sobre todo iso”.
A adestradora Soledad García subliñou que “quero fomentar o deporte feminino e que se coñeza pola zona o deporte en xeral do hockey liña para xuntar xente tanto de Asturias como de Galicia e que poidamos crecer como club e como equipo. Participan neste torneo sete clubs de diferentes zonas de Asturias e algúns son mixtos polo que queremos favorecer a inclusión do deporte dos nenos e nenas nos mesmos equipos con igualdade”.
O evento deportivo desenvolverase no pavillón municipal desde as dez e media da mañá.