Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 800 ximnastas daranse cita esta fin de semana en Ribadeo

Ribadeo, 25 de marzo de 2022. Preto de 800 ximnastas se darán cita esta fin de semana en Ribadeo. O sábado celébrase o 4º Torneo Interescuelas Fase Norte de Ximnasia Rítmica e o domingo terá lugar o XXV Aniversario do Torneo Concello de Ribadeo de Ximnasia Rítmica. Os eventos deportivos foron presentados este mediodía no salón de plenos do Concello polo alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, Nelly Bouso da Escola Porta Norte, que é o club organizador, e Iván López, técnico de Deportes.

Nelly Bouso contou que “o sábado celebramos o 25 aniversario do Torneo do Concello de Ribadeo de Ximnasia Rítmica. Este ano é unha edición especial porque xa que son 25 anos non quixemos deixar de organizalo a pesar das circunstancias porque queríamos celebrar coas nosas compañeiras que levan estes 25 anos vindo. Seguir celebrando isto, que para nosoutros é unha festa da ximnasia rítmica, de feito é unha edición non competitiva e todas as ximnastas van levar o seu regalo por vir e participar. Veremos ximnastas dos niveis escolar, promoción, prebase e temos a participación especial das ximnastas da provincia de Lugo do nivel base que compiten a nivel nacional e nos representan no campionato de España. E o domingo celebramos a fase norte do Cuarto Torneo Interescuelas, no que participan clubs de Lugo e Coruña, onde disputamos quedar nas primeiras prazas de cada categoría para poder posteriormente participar na fase final conxuntamente coas ximnastas clasificadas na fase sur”.

E engadiu que “entre os dous torneos case 800 ximnastas pasarán por Ribadeo: 400 aproximadamente no torneo do sábado, divididas en tres turnos; e no torneo do domingo, divididas en dous turnos, máis de 300”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, dixo: “vou agradecerlle a Nelly todo este esforzo porque recordo que primeiro foi alumna deste club e agora é a organizadora e profesora e leva moitos anos dedicada a este deporte tan esixente. Desde o Concello queremos animala a seguir organizando estes 2 torneos concentrados en 2 días da fin de semana porque é moi complexo preparar un evento así”.

E o alcalde, Fernando Suárez, manifestou: “quedo sorprendidísimo, e para ben, da cantidade de xente -de nenas e de familias- que nesta fin de semana van estar en Ribadeo nestes torneos e que ademais fan que pareza que isto non é un deporte minoritario senón de masas, cun ánimo e cunhas gañas de participar, o que nos fai estar moi orgullosos en Ribadeo por poñer en valor todas estas infraestruturas deportivas que temos nas que se van dar cita xente de aquí e acolá nestes torneos da fin de semana. Así que agradecer a Nelly e ao club organizador por contar outro ano máis con Ribadeo”.

Exit mobile version