Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o Plan de Mobilidade Sostible de Foz

Foz, 18 de marzo de 2022. O Concello de Foz presentou hoxe, venres, na Casa da Cultura o Plan de Mobilidade Sostible, nun acto público para as veciñas e veciños do municipio. Participaron o alcalde, Fran Cajoto; o concelleiro coordinador da Axenda 2030, Carlos García, e técnicos da empresa redactora.

Os asistentes foron informados dos resultados dun traballo colectivo, no que participaron non só os técnicos da empresa e o equipo de goberno, senón todos os grupos políticos, técnicos municipais, Policía Local, Protección Civil, asociacións de veciños, asociación de comerciantes, profesionais de moitas materias e numerosos veciños e veciñas de a pé. O alcalde destaca que “cando todos estamos a sumar nótase. Este documento é unha guía, un plan marco que nos dá unha imaxe moi clara das deficiencias que temos na vila e no conxunto do concello en canto á mobilidade e que camiño debemos seguir. Analizáronse os desprazamentos diarios das persoas e definíronse eixos claros en torno ao transporte público, aos estacionamentos, ás rutas peonís, ao uso da bicicleta.

Tamén no relacionado aos accesos ao núcleo urbano, ao que se incorpora o Acceso Foz Centro, que está a proxectar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. É un documento completo, susceptible de modificacións, pero que xa se está a empregar en actuacións que se iniciaron hai ben pouco, como na urbanización de Costa do Castro -subida ao cemiterio de Foz- e na renovación da rúa Limoeiros”.

O concelleiro Carlos García incide no proxecto de futuro que ten Foz, no que “está moi presente o obxectivo 11 da Axenda 2030, que establece que as cidades e pobos deben ser inclusivos, seguros, resilientes e sostibles. Debemos ir cos tempos: primar a seguridade, eliminar barreiras arquitectónicas e que Foz sexa máis amable, máis cómodo, máis atractivo para vivir. En función dos orzamentos imos desenvolvendo as distintas accións”.

Fran Cajoto desvelou a seguinte actuación para a que se está buscando orzamento na vila: o eixo que conforman Salvador de Madariaga e a Avenida dos Irmandiños. “Con esta guía podemos actuar con criterio e sentido común. O que queríamos evitar a toda costa son problemas como os enormes atascos que se produciron no ano 2018 a consecuencia de dispoñer as dúas rúas principais da vila no mesmo sentido de circulación. Vamos seguir traballando: estamos ultimando tamén a páxina web do Concello e seguimos coa renovación do rueiro. Hai moitas actuacións pendentes, pero o Plan de Mobilidade é un dos compromisos cumpridos do programa electoral co que nos presentamos”, engadiu o alcalde.

Exit mobile version