Site icon Crónica3.com A Mariña

Por Viveiro pide activar a instalación de novas empresas no parque empresarial de Landrove

Viveiro, 25 de marzo, 2022. O parque empresarial de Landrove, inaugurado no ano 2011, conta con unha extensión de 130000 m2 de superficie total, sendo a zona de aproveitamento industrial e comercial de 85000 m2.

A demora na súa posta en funcionamento supuxo que moitas empresas, interesadas en instalarse no noso concello, tivesen que buscar acomodo noutros concellos da contorna, dada a total carencia de solo industrial en Viveiro.

O parque empresarial, xestionado por Xestur Lugo, divídese en 44 parcelas, cunha superficie que vai de 500 ata 10000 metros cadrados, a demanda inicial de empresas interesadas en situarse en Landrove foi escaso, sendo o principal obstáculo o elevado prezo inicial das parcelas, dende a rebaixa acometida en 2016 por Xestur, a ocupación
do polígono foise incrementando paulatinamente, debido principalmente a implantación de varias empresas do sector forestal.

A pesares do incremento de solicitudes dos últimos anos, a día de hoxe, case 11 anos despois da súa inauguración, aínda hai bastantes parcelas sen ningunha actividade.

En Por Viveiro entendemos que o Concello de Viveiro debe adoptar as medidas necesarias para facilitar a implantación de novas empresas no parque empresarial de Landrove, sendo moi importante a bonificación das cargas impositivas nos primeiros anos de actividade.

Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de POR VIVEIRO traslada a seguinte proposta de acordo para a súa aprobación en pleno a bonificación do 100% do recibo do imposto de bens inmobles (IBI), no ano de solicitude da licencia de nova actividade para o parque empresarial de Landrove, esta bonificación aplicará tamén para os dous anos posteriores.

Exit mobile version