Metidos nunha dinámica de catástrofes e malas novas, de guerras previstas/imprevistas, inflación, esgotamento de recursos, falta de enerxía, contaminacións diversas, perda de diversidade, quecemento global… esquécesenos, fáisenos invisible outra parte do noso mundo que pode que puideramos comezar a amañar antes, como paso previo para ser máis eficaces na resolución dos outros problemas.
É case como se estiveran empeñados en facer que o esencial sexa invisible ós ollos, como Saint-Exupéry lle fai dicir ó Pequeno Príncipe. Como se a humanidade da que debemos sentirnos orgullosos quedara reducida a números, a un ‘teño máis’ (vense á mente ‘cartos’, pero poden ser tamén outras cousas). Ou a un ‘non podo ter máis porque…’, e detrás do porque virían eses problemas – sempre de culpa allea, claro, sinalando alguén outro seguindo aquelo de ‘divide e vencerás’ – que fan que cousas como o tempo ou a amizade, na esfera persoal, ou participación e solidariedade, na esfera social, non teñan cabida, non se vexan como posibles máis aló do interese inmediato. E peor aínda, esa dinámica ‘catastrófica inducida’ fai que perdamos ata o concepto e a capacidade de entender o esencial. Algo que se manifesta ás veces en grandes cousas, ás veces en pequenos detalles, e a maioría delas, de xeito invisible para quen as está (estamos) a vivir.
O anterior veume á mente ó ollar para un anuncio dunha charla sobre datos abertos, no que se nomeaban tamén a participación cidadá e a transparencia da administración. Tres conceptos e actividades sociais. Tres cousas ben diferentes, mais relacionadas. Tres cousas en xeral desatendidas no noso país. E tres cousas que parecen invisibles ós administrados despois de que as administracións tenda a invisibilizalas – como sinónimo de desatendelas ou desprezalas – dun xeito que poderiamos caracterizar como ‘histórico’ polo dilatado período que abrangue. Certo, por poñer unha escala, que os datos abertos son fundamentais na administración para poder exercer a transparencia e ambas, para a participación cidadá.
Hoxe por hoxe, por coller un campo abondo normalizado e avanzado no proceso de abrir os datos, os datos meteorolóxicos son accesibles dun xeito amplo e aberto en Meteogalicia, correspondendo ó territorio que abrangue. Mais outra cousa diferente é en AEMET, a axencia estatal, onde se se quere acceder, poñamos por caso, ós datos tomados por unha estación meteorolóxica da outra beira da ría de Ribadeo ou a que toma as medicións en terras do noso concello, atopámonos cun límite temporal de acceso que, dependendo das variables, cífrase só en horas. Pasadas as que desaparece a posibilidade de uso ‘tranquilo’. E, se se quere ir máis aló, a máis de trámites administrativos e pago por datos obtidos con cartos públicos por un servizo público, poderase acceder cun certo retardo, ao menos a primeira vez. E é que os datos, para seren abertos, é dicir, para estar realmente á disposición dos usuarios potenciais, non só necesitan estar de xeito nominal a disposición, senón ser accesibles de forma sinxela, intelixibles, e ter un formato que permita usalos de xeito doado.
Non sei o que farán na charla anunciada, polo demais, como insinúa o anuncio, coido que ben necesaria, nin tampouco a formación que seguirá – algo que tamén se anuncia, que haberá máis -. Mais teño claro a necesidade, non só de formación nestes temas, senón tamén de animación das administracións, para facer unha realidade a apertura, a transparencia, e como un paso máis, a participación. Necesidades para facer real unha necesidade da democracia: a participación da xente. A túa participación.