Ribadeo, 31 de marzo, 2022. Este mércores, día 30 de marzo, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, tivo lugar a reunión do Comité de Seguemento do proxecto Eo Alimenta, un proxecto participativo financiado pola Fundación Carasso, no que traballan dende hai dez meses e de forma colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación (administración, persoas consumidoras, organizacións agrarias, proxectos de produción agroecolóxica, universidades, grupos de desenvolvemento rural, etc.).
O obxectivo deste proxecto é elaborar unha estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que aborde o reto de conseguir autoabastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos produtos ofrecidos polo propio territorio e a través de diferentes medidas que redunden no fortalecemento e a articulación da produción agroecolóxica a pequena escala, no impulso do consumo de proximidade, no apoio ao comercio local ou no compromiso por parte das administración públicas de levar a cabo procesos de compra pública responsable.
En dita reunión, onde foron presentadas as 11 medidas e 33 accións que conforman o borrador da Estratexia Alimentaria Participativa da biorexión do río Eo, participaron representantes dos concellos de Ribadeo, San Tirso de Abres, A Veiga, A Pontenova,representantes da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, representantes da asociación Inter Eo e representantes do resto de socios do proxecto: Sindicato Labrego Galego, Fundación EDES, Universidade de Santiago de Compostela, do GDR Terras de Mirada e do CEDER Oscos-Eo.
Tras a boa acollida de dito documento na reunión de onte, os socios do proxecto farán as súas últimas aportacións ao documento, para posteriormente levala aos plenos municipais dos nove concellos participantes -cinco da parte asturiana e catro da parte galega- no proxecto. A partir de aí, comezará o traballo de implementar as medidas contempladas na mesma, que contan cun horizonte temporal de aquí a 2026.
Eo Alimenta representa uN proxecto pioneiro a nivel estatal, por ser o único das súas características que reúne a traballar a persoas axentes de dúas comunidades autónomas e comeza a súa fase de implementación nun contexto, atravesado polas crises de subministro e abastecemento xeradas pola invasión de Ucraína, a suba dos prezos dos combustibles os paros do leite, que poñen de manifesto a necesidades de avanzar cara modelos de produción, distribución e consumo de proximidade que poidan resistir as embestidas da economía globalizada.