Ribadeo, 18 de marzo de 2022. O proxecto formativo Ribadeo Suma Emprego, que se vén desenvolvendo dende febreiro e que continuará ao longo dos vindeiros meses, impulsado polo servizo de Orientación Laboral da Área de Desenvolvemento Local, pon en marcha unha formación en inglés básico para atención ao público.
Terá lugar cada martes e xoves dende o día 22 de marzo ata o 28 de abril de 10 a 11.30 da mañá na Casa da Cultura. O curso está dirixidos a todas aquelas persoas que non posúan estes coñecementos lingüísticos e que o seu ámbito profesional se relacione coa atención ao público.
Segundo explica Pablo Vizoso, concelleiro de Desenvolvemento Local, “ao longo das sesións iranse estudando conceptos básicos e vocabulario en inglés que permitirán ter unha conversación e mellorar o desempeño do traballo”.
Ademais de formación en inglés Ribadeo Suma Emprego tamén levou a cabo formación en competencias dixitais básicas e en habilidades sociais para o emprego.
O edil ribadense conta que “ao longo das próximas semanas, ademais de inglés, comezará o curso formativo para a preparación do exame das competencias clave niveis 2 e 3 e está previsto ademais un novo portal de emprego, onde se integrarán ofertas por parte das empresas e demandas por parte das persoas que están desempregadas ou desexan mellorar a súa situación”.
Vizoso Galdo subliña que “con este proxecto quérese ofrecer ferramentas ás persoas que están en busca de emprego ou desexan mellorar a súa situación laboral para que se poidan desenvolver á hora de buscar, de acudir a entrevistas ou de levar a cabo o seu día a día”.
As persoas interesadas en obter máis información pode dirixirse ao teléfono 982 128 650 ou ao correo electrónico orientacionlaboral@ribadeo.org