José Tomé Roca, presidente da Comisión de Política Social do Eixo na nova etapa desta entidade transfronteiriza, salientou na intervención coa que abriu a reunión celebrada hoxe que, “se o traballo que desenvolvemos no seo do Eixo Atlántico ten como un dos obxectivos principais garantir e promover a cohesión social e económica do territorio de Galicia e do Norte de Portugal, dende logo, as políticas sociais son unha ferramenta fundamental para avanzar nese equilibrio e nesa cohesión”, con especial relevancia no mundo rural, “sobre todo nun rural galego marcado por un índice de envellecemento elevado e un alto grao de dispersión da poboación, que dificulta o acceso aos servizos públicos”.
Neste sentido, o Presidente subliñou o compromiso da Deputación coas políticas sociais como eixo estratéxico da súa acción de goberno dedicándolles máis dun terzo do total dos Orzamentos provinciais, o que supón, neste ano 2022, máis de 34M€. “Facémolo por dous motivos”, explicou, “porque a Comunidade Autónoma de Galicia non cubre as necesidades que temos na provincia de Lugo, aínda que é a Xunta a que ten as competencias segundo establece o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia” e porque “estamos convencidos de que, só así, garantimos a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo daquelas persoas con máis risco de exclusión”.
Reto demográfico e desenvolvemento rural
Dentro das política sociais, José Tomé puxo en valor o modelo de atención ás persoas maiores que ten en marcha a Deputación de Lugo como instrumento “que converte os desafíos do reto demográfico nunha oportunidade de desenvolvemento para o rural” e que “está xerando moito interese, dentro e fóra de Galicia”. “Xa en dúas ocasións, participamos para expoñelo na Semana Europea das Rexións, o maior evento de política rexional da Unión Europea, e o Goberno de España, a través da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, tamén se interesou pola nosa rede de residencias, precisamente como unha fórmula eficaz para facer fronte ao despoboamento”, asegurou o Presidente.
Explicou que son residencias “cunha xestión 100% pública, nas que aplicamos un modelo asistencial de calidade e centrado nas persoas, non no negocio. Centros de pequeno tamaño, cunha media de 30 usuarios, que son atendidos por unha media de 25 traballadores e traballadoras, polo tanto, practicamente un traballador por usuario. Residencias que favorecen o arraigo porque están situadas no rural, no centro de vilas e de concellos pequenos, e porque no acceso ás prazas teñen prioridade os propios veciños e veciñas deses concellos, da comarca e da provincia”.
Ademais, lembrou, con estes centros de maiores, “estamos creando emprego estable e de calidade no rural, sobre todo feminino, e estamos dinamizando as economías locais, porque promovemos que as residencias se abastezan, de xeito preferente, de produtores e de comercios do entorno”.
O Presidente foi firme ao afirmar que “non existirá un rural baleiro se creamos e se acercamos os servizos públicos ao rural, porque a xente non quere marchar do seu pobo, o que quere é ter servizos públicos que lle permitan seguir vivindo nel”. Neste sentido, tamén lembrou que está a liderar unha proposta para que se destinen fondos europeos á mellora da mobilidade no rural para fixar poboación no territorio e para atraer turismo.
“Estou convencido de que nesta Comisión de Política Social do Eixo Atlántico seguiremos cooperando para sacar adiante accións e medidas que contribúan a seguir avanzando na mellora da cohesión social e económica”. “Dende logo, a cooperación entre territorios veciños, como a que se produce ao amparo do Eixo Atlántico dende hai 30 anos, é unha potente ferramenta para chegar, xuntos, máis lonxe do que seríamos capaces de facer por separado”, subliñou o Presidente.