Segundo Balseiro, “os autónomos, que son un colectivo prioritario pola súa capacidade de creación de riqueza e de emprego, precisan de reaccións inmediatas para evitar que se poña en risco o seu futuro, xa que aínda arrastran as consecuencias das restricións derivadas da pandemia e no último ano soportan, ademais, a escalada dos prezos enerxéticos, da escaseza e incremento dos prezos das materias primas, da alza da inflación e da alza do salario mínimo”.
MEDIDAS DE ESTÍMULO
No primeiro dos ámbitos, o portavoz popula puxo como modelo á Xunta, insistindo na necesidade de dar continuidade ás medidas de apoio e de estímulo que contribúan á viabilidade e consolidación dos proxectos empresariais e da actividade económica que realizan os autónomos.
Así, lembrou que só no pasado ano o Goberno galego ten inxectado máis de 610 millóns de euros en axudas directas ao tecido produtivo galego, constituído na súa maioría (no 97%) por autónomos e microempresas.
O deputado popular tamén cre que “a liña a seguir por outras administracións deben ser a das reformas emprendidas polo actual Goberno galego, tales como a eliminación de trabas burocráticas, a mellora das medidas de impulso ao traballo por conta propia, así como a posta en marcha de axudas directas e de vías de asesoramento como a nova oficina virtual”.
REDUCIR A FISCALIDADE E A ALZA DE PREZOS
Para Balseiro tamén “é imprescindible unha redución da presión fiscal que soportan os autónomos e, por suposto, desterrar calquera intento de subir o que pagan polas súas cotizacións, como xa aconteceu o pasado decembro, coa suba que o Goberno de Pedro Sánchez incluíu nos orzamentos xerais do Estado, sen comunicación previa nin diálogo co sector”.
Desde o PP, o novo sistema de cotizacións para autónomos debe nacer do consenso e non debe permitirse que a maioría dos autónomos vexan incrementados os seus custos de xeito inxusto e co único afán recadatorio.
Finalmente, Balseiro reclama tamén medidas eficaces para conter a escalada de prezos actual. Neste sentido, censurou iniciativas do Goberno de España como a suba de impostos aos carburantes e do imposto de matriculación e de circulación; as novas tributacións sobre plásticos e residuos; xunto á harmonización fiscal á alza. Tamén son negativas iniciativas futuras, como establecemento de peaxes pola utilización das autovías, que suporán que paguen máis os autónomos.