Castiñeira sinala: “O grupo provincial popular rexistrou hoxe unha carta dirixida ao presidente da Deputación na que nos poñemos a disposición do goberno para que esta institución lidere unha acción de solidariedade co pobo ucraíno. Vemos como veciños da provincia toman iniciativas pola súa conta, que nos enchen de orgullo, pero precisamos que a Deputación de Lugo programa e coordine cos concellos actuacións co obxectivo de prestar auxilio ao pobo ucraíno”.
Os populares solicitan “que a Deputación poña recursos e medios como o Parque Móbil, para tratar de centralizar a recollida de material por toda a provincia e que coordine coas oenegués estas accións para traballar de maneira organizada”. Cren que o organismo provincial “debe aportar recursos loxísticos para que esa axuda chegue o antes posible ao seu destino”.
Castiñeira explica: “Solicitamos que o ente provincial se brinde a acoller refuxiados e a facilitarlles os medios para que poidan asentarse na provincia coa maior brevidade posible”.
O portavoz popular sinala que “estas accións xa se levan a cabo por moitas outras deputacións; a de Lugo non pode permitirse outra vez chegar tarde como pasou coa covid”. Engade: “Ademais das accións directas que se poidan coordinar dende a Deputación de Lugo, o grupo do PP pídelle ao goberno que redacte unha declaración institucional de condena absoluta ás accións do goberno ruso, presidido por Putin, e en contra da invasión dun país soberano como é o de Ucraína”.