O PP solicitou no seu día ao goberno da Deputación, no mes de decembro, que suplementase o Plan único ata o 25%, como prometera, para chegar aos 25 millóns de euros. Foi, sinala Castiñeira, unha proposta baseada en “que viamos que os concellos ían perder poder adquisitivo, como pasou”. Engade: “A nosa proposta non foi aceptada polo equipo de goberno; agora, a cada momento a realidade nos dá a razón. Resulta evidente que é necesario un plan suplementario, con 3,5 millóns de euros, que complementarían os 21,5 do Plan Único. Manteriamos o criterio de reparto obxectivo do Plan Único, pero estes fondos irían destinados directamente a paliar a crise enerxética que viven os concellos, debido aos custos da enerxía”.
Por outro lado, o PP propón un plan para dar axudas directas aos sectores claramente afectados Javier Castiñeira manifesta: “Vemos como o sector do transporte, o agrongandeiro, o do mar están en paro, manifestándose, pedindo axuda. Vémolo na costa e na capital da provincia, coas concentracións do día de onte; a Deputación no pode permanecer impasible como o está a facer”. “Pedímoslle -di Castiñeira- que busque recursos para axudar ás empresas e aos autónomos que o pasan mal polos altos custos da enerxía. Queremos que faga o mesmo que fan outras deputacións. É o mínimo que debe facer a Deputación de Lugo”.
Castiñeira avisa: “Non imos admitir que o equipo de goberno volva, como fixo en días pasados a deputada García Porto, con desculpas de mal pagador, preguntándose de onde van sacar os cartos. Se o equipo de goberno non sabe afrontar situacións de crise ten que apartarse e deixar gobernar a aqueles que si o saben facer e xa o demostramos no seu momento cando xestionamos administracións en dificultades e sacamos recursos que non tiñamos”.
Para os populares, “está claro que hai moitas opcións”. Sinalan: “Se subiu o orzamento anual da Deputación un 8% non entendemos por que non suben tamén un 8% como mínimo as axudas a sectores en dificultades a cooperación, que son piares do que son as funcións propias da Deputación”. Por se José Tomé e o seu equipo non saben que deben facer, os populares recoméndalles “preguntarlle ao señor Darío Campos de onde sacou os cartos cando o PP puxo condicións para garantirlle os anos seguintes de bo goberno na Deputación; o señor Darío Campos buscou os recursos e de aí naceron o Plan único e un plan de estradas con 15 millóns de euros”.
Castiñeira declara: “É o momento de actuar. Non pode paralizarse a Deputación de Lugo por ter un goberno que permanece impasible diante da actual situación e que só trata de imitar ao Goberno de Sánchez, que intenta que pasen as cousas e que os demais solucionen os problemas. Non admitimos iso; é o momento da Deputación e estes dous planes que propoñemos deben ser aprobados canto antes”.