Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo esixe ao goberno local sacar a concurso os locais libres na praza de abastos

Ribadeo, 4 de marzo 2022. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo esíxelle ao goberno do BNG sacar a concurso os locais libres da praza de abastos “para xerar riqueza, emprego e como sinal de aposta pola praza de abastos”, indica o portavoz, Daniel Vega.

O popular explica que “dende o comezo deste mandato, dende o Grupo Municipal Popular apostamos polo emprego en xeral porque, sen lugar a dúbidas, Ribadeo necesita iniciativas empresariais e nós quixemos informar sobre as axudas da Xunta que poden resultar útiles para apoiar iniciativas empresariais”.

De forma máis concreta, “apostamos tamén pola praza de abastos”. De feito, a Xunta achegou 39.000 euros para mellorar o edificio e tódolos anos aporta 9.800 euros en axudas que benefician directamente aos praceiros. Seguiremos apoiando e colaborando con eles”, avanza.

Vega bota de menos “a implicación do goberno local do BNG de cara a favorecer o asentamento de iniciativas empresarias”. E, en relación á praza de abastos, lembra que “fai dous anos os praceiros pedíronlle ao goberno local que tomara unha decisión: sacar a concurso todos estes locais que están cerrados na praza da abastos porque hai moitas persoas que teñen un proxecto empresarial, queren apostar por Ribadeo, pero o goberno local impídelles ter un posto na praza de abastos”.

O portavoz do Grupo Municipal Popular lamenta que “o goberno do BNG conteste aos praceiros dicindo que non teñen tempo, que non está a iso. É unha vergonza e por iso imos levar este tema a pleno para que lles explique que pasa e porque non se queren abrir eses locais pechados, a pesar de que os praceiros levan moito tempo demandando medidas”.

Vega incide en que “eses locais non poden permanecer pechados nin un minuto máis e, polo tanto, esixímoslle ao goberno do BNG que as poña a disposición daquelas persoas que poidan estar interesadas”.

Exit mobile version