Ribadeo, 19 de marzo 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, considera “prioritaria” a construción dun novo centro de saúde. É por iso polo que lle costa entender que “o goberno do BNG tarde tanto en tomar unha decisión sobre a súa ubicación”.
Vega explica que “a consellería fixo o seu traballo achegando unha valoración técnica e agora está agardando que o goberno do BNG conteste e diga onde ubicar o novo centro de saúde”.
O popular explica que “o BNG non soubo encaixar moi ben a noticia da construción dun novo centro de saúde en Ribadeo xestionado con moito traballo e esforzo, discreción e humildade”.
“Nun primeiro momento, o goberno local dixo que chega con arranxar o centro de saúde existente; pero nós sabíamos que era necesario pedir un novo centro de saúde para incrementar e mellorar os nosos servizos sanitarios. Iso era o que pedían os veciños en moitas ocasións”, engade Vega.
O Grupo Municipal Popular pedía, dende o comezo, que “o goberno local aportara uns terreos que non tivo outro remedio máis que aportar despois da presión veciñal, dos propios médicos e persoal sanitarios e deste Grupo Municipal”. Ademais, o lugar debe ser de fácil acceso á autovía para que as ambulancias, en caso de que sexa preciso, cheguen rapidamente ao Hospital da Mariña; xa que o proxecto inclúe a agrupación dos servizos sanitarios, como é o 061, nun mesmo espazo.
Os populares piden uns terreos para construír o novo centro de saúde que permita incrementar os servizos sanitarios. É o que leva pedindo Ribadeo dende fai moito tempo e, polo tanto, esíxenlle ao goberno local do BNG “tomar unha decisión e aportar o terreo para construír o centro de saúde que queremos todos”.